A rúa Lamas Carvajal ou do Instituto

 

Auriabella homenaxeou a Valentín Lamas Carvajal póndolle o seu nome á rúa do Instituto. A Corporación Municipal ourensá convocou aos vilegos para que a acompañara en “procesión cívica” o martes 16 de xuño de 1925, como informou La Región do xoves 18 de xuño. Foron tres as rúas que recibiron as novas nomenclaturas, segundo reseña o xornal: “El acto de anteayer para dar los nombres de Lamas Carvajal, Curros Enríquez y Habana a tres calles de nuestra capital resultó solemne, conmovedor y extraordinariamente concurrido”.

Ourense, a finais dos anos 40 do século XX, recuperouse culturalmente con personaxes vencellados a ela en diversas tertulias, como a do Hotel Roma, con profesores e escritores de algunha entidade cultural. O alcalde Eduardo Valencia creou unha comisión que se reuniu no Liceo en 1949 para organizar a homenaxe a Lamas, alzando un monumento no Posío e colocando na súa rúa dúas placas de bronce realizadas na Fundición Malingre, da familia de Lamas. Instaláronse en ambos estremos da rúa: no número 2, na casa da familia Brasa que fai esquina coa Praza Maior, e a outra, no número 13 de San Miguel esquina coa rúa Lamas Carvajal, onde estaba Calzados Arca, derrubada hai anos. Na nova casa non se reinstalou a segunda placa. A Corporación debía recuperala, encabezando unha nova “procesión cívica”.

Auriabella estendéuse cara ao norte da Praza Maior no denominado Barrio Novo, xurdindo o progreso moderno e comercial na rúa Lamas Carvajal, rematando no Paseo, orixe do seu modernismo construtivo. A rúa conserva secularmente o seu engado coma poucas teñen.

O nome de rúa Instituto mantívose trinta anos máis desde o traslado do centro docente á rúa Padre Feijóo acaecido en 1895, ata que en 1925 recibiu o nome de Lamas Carvajal.

As graníticas edificacións máis monumentais están situadas na marxe esquerda, a dos números impares. A primeira fai rotonda coa antiga rúa Pereira, hoxe avenida de Pontevedra; os Almacéns Olmedo ou Alfredo Romero substituíron as antigas edificacións.

No número 5 se construiu, en 1529, o Pazo dos Oca Valladares, un dos edificios máis emblemáticos da cidade. De arte gótico-plateresca, ten unha rica fachada e no seu interior destaca o “patio de columnas”, oito en total, con baixo e dous andares e, no medio, posúe unha fonte moderna con aire clásico e mármore de Carrara, realizada polo escultor e marmorista Piñeiro a comezos do século XX, axustándoa ao estilo medieval. O Liceo de Ourense é a sociedade mais antiga da cidade, creada en 1850. Tivo a súa primeira sé na rúa da Obra (Lepanto) trasladándose a comezos do século XX ao Pazo dos Oca Valladares.

Ramón Otero Pedrayo opina sobre o Liceo: “O fino debuxo, a delicada e parca elegancia da porta do Liceo, sempre será o mellor logrado na arquitectura urbana de Ourense”, e Alfredo Cid Rumbao escribe: “A portada de aire gótico enmarcada por columnitas; catro balcóns de tallados balaustres sobre ménsulas, o principal con alfiz que encadra catro pedras de armas, aparello pulido e cornixa con gárgolas”. A Farmacia Barja estivo instalada no baixo durante uns 90 anos, ata hai tres.

O resto das construcións veciñas son de carácter relixioso e están na liña impar contiguas ao Liceo, ata os xardíns do Pai Feijóo. A Compañía de Xesús (xesuitas) foi a responsable da súa construción: a igrexa de Santa Eufemia do Centro e o edificio do Seminario Conciliar de San Fernando, onde estivo instalado o Instituto, hoxe Residencia Sacerdotal.

A igrexa de Santa Eufemia foi alzada en 1653. O seu interior está composto por tres naves, con bóvedas de medio cañón; foi na primeira metade do século XVIII cando frei Plácido Iglesias engadiu a fachada barroca. Existe un grandioso cruceiro que remata nunha linterna reformada en 1899. Nel se conserva o único testemuño do Casino dos Cabaleiros, desaparecido a finais do século XIX da Praza Maior: a lámpara do salón principal. Do retablo central sobresae o “Cristo da Esperanza”, de Ferreiro. Foi no ano 1770 cando Santa Eufemia se converteu en parroquia ao trasladarse esta desde a capela de San Xoán da Catedral, quedando constancia no dintel da fachada.

O xornalista Jesús Manuel García, nun artigo publicado o 27 de setembro de 2015 titulado “Santa Eufemia por todo lo alto!” confirmou os meus recordos sobre a construción e remate da torre dereita da igrexa ao informar que as obras da mesma comezaron o 10 de febreiro de 1988 e remataron o 1 de xuño de 1996, realizadas polo mestre canteiro González Ansia, estando gravados estes datos no campanaário da igrexa.

Segundo a tradición popular foi nesta rúa onde residiu o colectivo xudeu da cidade ata a súa desaparición a finais do século XV. A sinagoga puído estar situada no solar da igrexa de Santa Eufemia do Centro ou nun solar de enfronte.

A rúa Lamas Carvajal mantivo secularmente unha animosa actividade comercial: O dentista García del Villar tiña o seu despacho no numero 2 (edifício dos Brasa).

A casa número 10 pertence á familia Pascual. Nela tivo instalada unha tenda de venda de instrumentos musicais. Otto Bodmer, parente deles, famoso artesán e reloxeiro suizo, exerceu nela a súa profesión: a venda e reparación de reloxería, desde comezos do século XX. Previamente estivera na rúa da Pereira (avenida Pontevedra) antes de edificarse nela os Almacéns Olmedo ou Alfredo Romero. A Mariposa, un comercio de roupa de nenos, estivo aquí instalada; pechou hai uns tres anos por falecemento da propietaria. Agora ocupa o local o negocio de comidas italianas Dolce Vita.

O comercio de paquetería e quincalla de Felipe Santiago trasladouse do número 30 á rúa da Paz en 1893. A Casa Singer, especializada en máquinas de coser, permaneceu desde 1920 neste número 30 ata entrado o século XXI.

A Confetaría Macarrillo era a de máis sona da cidade. Ubicada no número 34 “especializada en doces finos para vodas, bautizos e lunchs”.

A Zapatería Mosquera, fronte a Residencia Sacerdotal. Mosquera, estaba permanentemente á porta do negocio, onde vendía zapatos e zapatillas. Faleceu hai trinta anos.

Os baixos do numero 9, propiedade do Bispado, acolleron os Almacéns Santa Eufemia, que desapareceron a finais do século XXI; despois, a Perfumeria Maryan, hoxe ocupada por Hermanos Barros e a libraría Betel, propiedade do Bispado, sita no soto. Segue activa na actualidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar