A ditadura dos postos de traballo

O que vou escribir non é porque eu sexa un espírito de contradición, senón pola necesidade de reflexionar.

Desde que o paro se converteu na praga bíblica que antes era o traballo, “comerás o pan coa suor da túa fronte”, seica lle dixo Deus a Adán, semella que os postos de traballo son a medida de todas as cousas.

As empresas novas, por exemplo a da mina de Touro, poñen por riba de calquera outro interese, paisaxísticos, medioambientais, económicos etc., a creación de postos de traballo.

Ducias de empresas extractivas fan o mesmo por todo o país amparadas na lexislación ditada ad hoc. Vivan os postos de traballo!

Os traballadores de Celulosas levan anos denigrando a todos aqueles que demandan que se cumpra a lei e que esta factoría mude de emprazamento e se poda rexenerar a ría de Pontevedra. E todo pola defensa duns postos de traballo.

Hai que seguir vendéndolle armas e bombas a Arabia Saudí para que o sector naval siga polo camiño marcado e non se destruían mais postos de traballo. Que importa que maten a inocentes, que esnaquicen países coma o Iemen, que armen aos terroristas que logo combatemos con miles de millóns de orzamentos e perdas de liberdade… Nós somos, progres, internacionalistas, sindicalistas…, pero, ante todo, o noso posto de traballo!

Coma se so existise unha política posíbel no sector naval. Un mercado único e uns únicos barcos, os de guerra, que poidamos construír. Alguén se parou a pensar que se incentivan estes tipos de construcións navais son polos millóns de euros que deixan en comichuras polo camiño?

E con Alcoa? Todos a unha en defensa dos seus postos de traballo, vinculando ós intereses dos despedidos, os da empresa e os dos conxunto da sociedade. Sen máis precisións nin análise. Onde queda o ben común?

Reflexionemos tamén neste caso. A historia de Alcoa en Galiza é unha cadea de presións, cos traballadores como reféns e facéndolle o traballo sucio, para manter os seus postos.

Todos estes anos pagou a metade menos que outras industrias pola electricidade e seis veces menos que os fogares. É a planta de Alcoa na Coruña unha empresa estratéxica para Galiza? Que aporta a nosa economía? Non hai outra saída que pregarse aos intereses da multinacional? Porque non van ter o mesmo trato as centos de empresas pequenas que están imbricadas no tecido produtivo do país e deixan moito máis valor engadido e postos de traballo?

Como dicía o profesor Lourenzo F. Prieto, “cos millóns de euros de subvencións que as administracións lle deron a Alcoa, os seus empregados poderían vivir varias vidas sen ter que traballar”.

Outra política é posíbel…, e con máis postos de traballo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar