O Colexio de Arquitectos falla os Premios 2018

As Delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia fallaron  os galardóns da décimo oitava edición dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2018. Estes galardóns supoñen un recoñecemento ao traballo de arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores necesarios nas obras e proxectos de calidade desenvoltos nas demarcacións Pontevedra, Vigo e Ourense.

 

Os premios pretenden sempre ser un vehículo de comunicación coa sociedade do que se ten feito de calidade como proxecto ou obra na contorna próxima. O certame está encamiñado a mostrar que a arquitectura é “posible e próxima”, e que os axentes intervenientes e recoñecidos nas obras, desde a súa responsabilidade e a escala da intervención, poden procurar que o contorno sexa mellor e unha expresión da cultura arquitectónica e os valores colectivos desta sociedade e deste tempo.

 

Este ano presentáronse 56 proxectos (32 propostas executadas na demarcación da delegación de Vigo, 12 na de Ourense e 12 na de Pontevedra) de moi diversas escalas e localizacións, que denotan os diferentes e variados ámbitos nos que traballan os arquitectos, desde o paisaxismo á obra nova, pasando polo interiorismo ou a restauración de monumentos. Con máis motivo, e polo esforzo redobrado dos participantes por alcanzar os obxectivos ante diversas limitacións, a organización destaca que estas propostas son unha “oportuna reivindicación da profesión e da arquitectura na nosa contorna”.

 

O acto de entrega de diplomas celebrarase en Vigo no mes de novembro

 

O xurado valorou a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio. O xurado estivo composto polos presidentes das Delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos, Manuel Abelleira, Antonio Davila e Alberto de Paula; e un colexiado de cada delegación a seleccionar pola súa Xunta Directiva, Paula Alfonso por Pontevedra, Marta Vilas por Vigo e Mónica Rúa por Ourense; e o arquitecto Severo Fernández premiado na edición anterior, e a secretaria da delegación viguesa María Mariño. Tras un longo debate e análise dos proxectos presentados, o xurado seleccionou 12 premiados que destacaron polo seu “alto nivel” e calidade arquitectónica.

 

O acto de entrega de diplomas celebrarase en Vigo no mes de novembro para os arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras distinguidas. Este acto complementarase coa organización dun ciclo de conferencias.

 

Proxectos premiados

 

-Reforma vivenda 2001 (Pontevedra)

Arquitectos: María Gracia Amandi Joglar e Jorge Uña. Uña + Amandi Estudio de Arquitectura

 

-Rehabilitación do antigo Hospital Espíritu Sancti con destino a biblioteca e arquivo histórico (Baiona)

Arquitectos: Clara Murado e Juan Elvira. Murado & Elvira Arquitectos

 

-Nave industrial en Montes da Barxa (Nigrán)

Arquitecto: Leopoldo Alonso-Lamberti Casuso

 

-Escola infantil A Baiuca (A Estrada)

Arquitectos: Elizabeth abalo e Gonzalo Alonso (Abalo Alonso Arquitectos), e Francisco González Varela

 

-Edificio de oficinas Exlabesa (Valga)

Arquitectos: Alberto Quintáns Arrondo e Cristina Margarita Ansede Viz

 

-Vivenda unifamiliar en Tibiás (Pereiro de Aguiar)

Arquitectos: Rafael Castro Armesto e Sandra González Rodríguez. Dousde Arquitectura

 

-Peluquería Sonia Portela (Pontevedra)

Arquitectos: Ana Monteagudo García e Wenceslao López Velasco

 

-Rehabilitación parcial de edificios de vivendas (Vigo)

Arquitectos: Francisco Javier Vázquez Fernández e Perfecto Cendón Domínguez. CendónVázquez Arquitectos

 

-Restauración da portada norte do cruceiro da Catedral de Ourense

Arquitectos: Manuel Seoane Feijóo e Sonia López Calvo

 

-Taberna Morrofino (Vigo)

Arquitectos: Iago Fernández Penedo e Óscar Fuertes Dopico

 

-Rehabilitación de vivenda. Casa Oliveira (Vigo)

Arquitectos: María Pilar González Ferro e Jordi Castro Andrade

 

-Acondicionamento de nave para oficinas marítimo pesqueiras (Vigo)

Arquitectos: Jordi Castro Andrade e María González Ferro

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar