Teo:O PP lamenta a cobardía dos badéns

 

Non só o Partido Popular pide explicacións sobre a colocación destes pasos elevables, senón tamén os veciños e veciñas de Teo, avalados pola denuncia da propia Policía Local que hai dous días se presentaba ante a Fiscalía. O Partido Popular de Teo cualifica de “vergonzoso” que ante un tema no que se xoga coa seguridade da veciñanza, o edil responsable dea explicacións de modo informal a través dunha rede social, cunha versión que cae na permanente contradición. Guerra eleva o tono esixindo unha resposta oficial de Alcaldía.

Dende o Partido Popular lamentan que “tanto o alcalde como o propio concelleiro de Obras non sexan quen de dar a cara ante a alarma xerada pola incontrolada colocación destes badéns”. “O único que se puido ler ao respecto, foi unha reflexión no Facebook persoal de Xurxo Francos -actual edil de Obras-, na que se limita a botar balóns fora con permanentes contradicións”, explica José Manuel Guerra, portavoz dos populares en Teo.

Para Guerra, preocupado polos badéns ubicados nas inmediacións das curvas, “resulta sorprendente que dous días máis tarde, despois de todas as apreciacións realizadas, non se tomou nin unha soa decisión para atallar o problema e sinalizar de xeito correcto os badéns”.

Os populares fan especial fincapé nas numerosas contradicións do edil de obras, xa que “Francos xustifícase indicando que a denuncia baséase en normativa que afecta a estradas de carácter estatal, mais admite que non existe normativa a nivel local”. Polo tanto, afirma o equipo de Guerra, “tería que basearse na normativa que existe e que él mesmo admite que incumpre: a estatal”.

 

ACTITUDE COBARDE

Os populares critican, unha vez máis, a actitude cobarte que está a ter Rafael Sisto con esta situación. “En vez de estar preto dos veciños para solucionar os seus problemas, non dá a cara ante unha denuncia que tivo un importante calado social. Pedimos solucións xa para arranxar unha situación que segue xerando perigo aos nosos veciños, nin tan sequera se dignou a sinalizar os badéns advertindo dos seus riscos”, conclúen.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar