Tellado: “Os orzamentos traen a Galicia máis emprego”

 

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, realizou en Ferrol unha valoración dos Orzamentos presentados pola Xunta de Galicia, dos que destacou que “traen a Galicia máis emprego, máis investimento, máis política social, mellores servizos públicos, menos débeda e menos impostos”.

“Máis emprego, porque prevén crear 15.000 postos de traballo en 2019 e dedican máis de 254 millóns de euros a políticas activas de emprego”, sinalou. Así, tamén destacou o crecemento do 5,2% nos investimentos, e que  se destinarán máis de 1.600 millóns de euros en infraestruturas, modernización e innovación. “Máis política social”, proseguiu, “porque reforzan noutros 270 millóns de euros o gasto social e tamén a dependencia con 383 millóns, ademais de ampliar o permiso de maternidade a 24 semanas, polo que Galicia seguirá estando á cabeza de España neste eido”.

En canto á mellora dos servizos públicos, valorou positivamente que aumenten os recursos en 270 millóns; así como a creación de 14.700 prazas de emprego público ata 2020, tal como se pactou cos sindicatos. Ademais, no capítulo financeiro, Tellado subliñou que estas contas suporán “menos débeda, porque aforramos 185 millóns de euros en xuros en comparación co ano 2014, co que Galicia consolídase como a comunidade de referencia no control da débeda para toda España”.

Especial fincapé fixo o secretario xeral na política fiscal, ao lembrar que “as 21 baixadas de impostos de Feijóo desde 2009 aforraron 401 millóns de euros a todos os galegos”. Desde xeito, insistiu en que en 2019 se consolidará o alivio da carga fiscal dos anos anteriores e produciranse catro novas baixadas. “En 2016, rebaixamos o IRPF para máis do 98% dos contribuíntes galegos, eliminamos o imposto de sucesións para o 99% e implantamos o programa de Impostos Cero no Rural”, recalcou, para explicar que ao ano seguinte se eliminaron os impostos para a compra de vivenda habitual no rural para mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade. “En 2018, estendemos os impostos cero ao alugueiro nos inmobles rústicos, instauramos deducións para a rehabilitación de vivenda e actividade económica nos cascos históricos e reducimos os impostos do solo empresarial”, enumerou.   

Deste xeito, explicou que as novas baixadas de impostos terán efecto para a compra de vivenda habitual, onde os menores de 36 anos, familias numerosas e persoas con discapacidade verán reducidos os impostos un 25%, pasando a ser os que menos paguen de toda España, unha medida que afectará a 10.000 familias; para a innovación, con incentivos para o investimento en pemes innovadores e empresas tecnolóxicas, así como incremento nas deducións ás doazóns para investigación; para as herdanzas entre irmáns, ás que se lle reduce o Imposto de Sucesións, de xeito que 6 de cada 10 operacións deste tipo non pagarán este imposto; e para o patrimonio, revertendo a suba que se acometera en 2013 para volver á tarifa vixente no conxunto do Estado.

 

COMPARACIÓN CO BORRADOR DE SÁNCHEZ E IGLESIAS

O número dous dos populares galegos comparou as contas da Xunta co borrador de Orzamentos Xerais do Estado de Pedro Sánchez, “que quere apoiar en Podemos, nos herdeiros da antiga Batasuna e nos independentistas cataláns, incluída a visita de Pablo Iglesias ao cárcere para negociar”. “O PSOE pretende consagrar unha folla de ruta que, se non o remediamos o antes posible, hipotecará a España para un longo período, dado que o presidente do Goberno só utilizará o diñeiro de todos os españois en pagarlle os favores a aqueles que o levaron á Moncloa e en aguantar o maior tempo posible o dereito a subir no helicóptero oficial”, lamentou.

Deste xeito, Tellado concluíu que “hai dous modelos de goberno: o do presidente Feijóo, un modelo de estabilidade institucional, de maiorías, centrado nas necesidades reais da Galicia do presente e do futuro; e o do presidente Sánchez, un modelo de inestabilidade, de suma de minorías, de radicalismo, cuxo único proxecto político é a súa supervivencia persoal”.  

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar