O PSdeG apoia a planta de Alcoa na Coruña

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo unha  xuntanza co comité de empresa da planta de Alcoa na Coruña para trasladar aos traballadores “todo o noso apoio” e a importancia de manter o emprego. “É unha prioridade para os socialistas”, remarcou.

Así é que o dirixente socialista reclamou á empresa que non formule aínda ningunha medida de extinción de emprego, a fin de que “haxa un tempo” que permita “buscar todos os mecanismos posibles” de cara a garantir os postos de traballo.

Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero demandou un traballo “conxunto” a todas as administracións, a fin de que unha multinacional que leva tido “moitas axudas públicas” non leve adiante o anuncio de pechar as plantas da Coruña e Avilés.

“Temos que manter toda a presión e o traballo conxunto as administracións e os traballadores para que esta causa do mantemento do emprego e da prioridade industrial sexa unha prioridade para todos”, incidiu o líder dos socialistas galegos, quen apelou a todos os galegos para “respaldar” o mantemento do emprego en Alcoa.

Así mesmo, o secretario xeral do PSdeG sinalou que o goberno socialista traballará por acadar todas as vías de futuro posible buscando que a empresa manteña a súa actividade na Coruña.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar