Silencio

O seu longo silencio transmitía mensaxe de fondo calado, sorprendía á audiencia, mentres as persoas que enchían a ringleira de oradores quedaban atónitas, sen saber como reaccionar e sen saber que dicir ante tan forte expresión calada. Era un silencio pausado que falaba solo, que formaba parte da oratoria contundente e que agradecían os máis atrevidos e máis ousados do lugar e do parlamento. Era como un silencio musical que non conturbaba a angueira de ninguén. Pola contra, animaba á parroquia para que aumentaran os discursos pausados, conciliadores, dialogados. Aqueles que con pouca palabra, e sen ruído, teñen mensaxe e moito entendemento.

O silencio na política é un mérito e na vida, tamén. Diante da sociedade, e cun minuto de duración, é un claro sinal de dó, unha tristeza. Cando non se sabe que dicir é outra tristura, como a pena enorme que teñen aqueles obrigados a calar, contra a súa vontade, polas razóns que sexa. Nunca serán razóns suficientemente poderosas aquelas que impoñen o silencio aos outros. E, o silencio administrativo? Que cousas! A burocracia apodérase das palabras, do falar e do calar e aí está a Administración arrogante dando resposta a un procedemento co silencio, o simple silencio administrativo, nuns casos con sentido positivo e noutros con sentido negativo para os cidadáns do montón.

Aquí é cando procede non calar, cando convén recorrer e facer valer os dereitos. Lembrando a Voltaire, “tódolos homes teñen iguais dereitos á liberdade e á súa prosperidade”. Si, señora! É importante observar que a convivencia social e a harmonía radican en boa parte no respecto ao dereito alleo. Por suposto ao dereito de falar.

Hai teorías e versións diferentes, pero Novoneyra explicábao perfectamente, “de tanto calar xa falo eu solo”. Estamos onde os decibelios e os foguetes teñen a súa importancia, onde o ruído contribúe decididamente a incomunicación, á incomprensión e, de rebote, á intolerancia. Estamos aquí, nesta Galicia grande e pequena ao mesmo tempo, rodeados de tecnoloxías das comunicacións, con altofalantes de grande eficacia, coa verdade, a mentira, o bulo e a postverdade circulando impunemente. Como di a Tía Manuela, “estamos onde se pode falar, pero non escoita ninguén”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar