De confianza, de cartos e de bancos

 

Segue a haber xente que non se fía dos bancos como entidades nas que depositar os seus aforros, coidando que o colchón -ou calquera outro lugar ou obxecto domestico- é máis seguro para a súa conservación.

O tema pode ter raíces fondas e índa hai lembranzas da caída da Banca Romero que causou hai cen anos a ruína de moitos lucenses, ou pensar que en calquera momento pode haber outra crisis bancaria como a que houbo hai agora dez anos, ou simplemente que se temos o diñeiro no banco, Facenda pode saber en todo momento a nosa capacidade adquisitiva, e no caso de ter que responder de calquera débeda co fisco, cobran directamente no banco.

O caso é que de cando en cando temos a tentación de deixar as contas bancarias a cero, xa que agora ata nos cobran por ter o diñeiro nelas, e levalo para calquera lugar onde poidamos dispoñer ao momento del.

Eso parece que foi o que pensou esa señora chairega –anciá, chamáronlle en algún medio, pero eu négome a facelo sabendo que só me leva tres anos- que retirou 24.000 € do banco e levounos para a casa gardándoos nunha carteira, a carteira no bolso e o bolso no armario.

Mágoa que un amigo do alleo coñeceu este domestico xeito de aforrar, e levoulle os cartos co conseguinte disgusto e denuncia á garda civil que nun tempo record detivo ao culpable do roubo e devolveulle á aforradora os seus cartos.

A idea de gardar o diñeiro na casa, non é mala porque en principio é un sitio seguro, sen que ninguén teña acceso de xeito normal, e sendo difícil que calquera que entre de xeito incorrecto localice inmediatamente o diñeiro se se tivo cuidado abondo en escondelo.

Pero as cousas ocorren, e todo ten a súa explicación, e ben está o que ben remata, que para eso a Garda Civil sabe todo o que pasa e, especialmente no rural, coñece a todo o mundo. O problema é, agora, onde vai gardar os cartos, porque se non confía nos bancos, e ve que na casa tampouco hai moita seguridade, posiblemente non lle quede máis remedio que gastalos que, a fin de contas, é para o único que os cartos serven.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar