A Deputación de Ourense presentará candidatura como territorio creativo da Unesco

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou no Liceo, no marco do VII Congreso ibérico de casas-museo, o proxecto de candidatura de Ourense como territorio creativo da Unesco 2019, unha iniciativa contemplada no que será o vindeiro plan de mandato “Ourense 7273” de Manuel Baltar, que ten como obxectivo “potenciar a cultura e a creatividade da provincia como axentes de desenvolvemento, fortalecendo o papel de liderado cultural que ten caracterizado a Ourense ao longo da historia”, explicou o presidente da Deputación.

Acompañado polo director do Laboratorio de Patrimonio e Turismo Cultural da Universidade de Barcelona, Jordi Tresserras –redactor do Plan provincial de turismo cultural e creativo da provincia de Ourense-, Manuel Baltar dixo que as liñas desta candidatura, “teñen á cultura ourensá como eixe de desenvolvemento competitivo, unida ao noso termalismo; riquezas etnográficas como o entroido, e o turismo natural de enclaves como o da Ribeira Sacra”.

Trátase, afirmou o presidente, de proxectar “unha visión internacional innovadora das singularidades da provincia de Ourense nos ámbitos turístico, cultural, termal, gastronómico e natural, e favorecer o desenvolvemento do noso rural”, un proxecto, dixo, “que impulsará tamén o centenario da revista “Nós”, marco de referencia dun dos movementos intelectuais máis importantes”.

No marco deste encontro cultural, que tamén celebra o XXV Congreso da Asociación de casas-museo e fundacións de escritores (Acamfe), Baltar destacou a importancia do “Premio Ourensanía”, que este ano se entrega en Bos Aires e Montevideo ao Centro do Partido do Carballiño e ao Centro Ourensano de Montevideo, un galardón que o xurado ditaminou conceder ás dúas institucións por promover a ourensanía na colectividade galega de ambos países, e agradeceu a presenza en Ourense dos delegados das diferentes casas-museo de España e Portugal, “polo gran traballo que significa manter viva a obra e a historia dos grandes personaxes da cultura”.
Turismo cultural de Ourense

Manuel Baltar lembrou “a prioridade” do goberno provincial por seguir desenvolvendo iniciativas culturais e turísticas “que potencien o noso”, precisamente o obxectivo do Plan provincial de turismo cultural e creativo de Ourense, que é garantir a competitividade de Ourense e incrementar a repercusión dos beneficios na sociedade local, procurando que a actividade turística se realice de maneira integrada con innovación turística e novos produtos que atraian segmentos interesados en ámbitos como o turismo activo, o “laranxa” e o cultural, o gastronómico ou o arqueolóxico.
Pola súa banda, Jordi Tresseras explicou que a candidatura cultural á que aspirará Ourense en 2019 “parte do concepto de “cidade creativa”, baseado no papel determinante da cultura no desenvolvemento socioeconómico e no benestar da cidadanía. Desta maneira, dixo, “Ourense sería o primeiro territorio galego en conseguir este distintivo da Unesco, e permitiríalle traballar en rede ao máis alto nivel internacional, para posicionar a literatura e o patrimonio cultural de Ourense, situando á provincia como destino turístico de calidade”.

Ata o momento só 23 territorios do mundo contan con este distintivo: Montevideo, Seattle, Iowa, Québec, Durbam, Óvidos, Granada, Barcelona, Dublín, Manchester, Nottingham, Norwich, Utrech, Heidelberg, Praga, Liubliana, Leópolis, Cracovia, Baghdad, Uliánosvsk, Bucheon, Melbourne e Dunedin, e o que se pretende é acadar durante o traballo de redacción e coordinación do expediente “os maiores apoios de administracións, institucións, asociacións e colectivos, así como a implicación da cidadanía”, explicou Jordi Tresserras, subliñando que en xuño de 2019 a documentación ten que estar entregada na Unesco, que dará a coñecer seu ditame entre os meses de outubro e novembro de 2019.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar