Carolina mírao ben

Ou hai cousas que a min se me escapan, ou non entendo a comparanza entre o desembarco de Manuel Fraga e o de Carolina Bescansa. A chegada a Galiza do líder da dereita española era u­nha cuestión de Estado. O Goberno tripartito, con Coalición Galega e o PNG de parceiros do PSOE, rematou de pór nerviosos aos poderes estatais, que ollaban como tamén en Galiza aparecía un nacionalismo gobernando. O presidente Laxe foi tinguileado e aldraxado polo PSOE e polo presidente González para impedir que recuncase. No debate electoral na TV, Fraga saca unha carta de Francisco Vázquez na que lle dá todo o seu apoio.

Aínda así, non dan feito que gañe Fraga, polo que González e Vitorino chafullan os resultados electorais de Ourense para outorgarlle o escano que lle faltaba para a maioría absoluta necesaria.

Fraga veu a Galiza a pór orde. E foi quen de acabar coa dereita galeguista, integrándoa nun PP que se situaba “ao borde da autodeterminación”. Pero aínda así, o BNG, que aglutinaba xa a todo o nacionalismo, seguía a ser unha ameaza.

Na FAES propoñen ilegalizalo, como a Herri Batasuna, nun documento que lle fan chegar por vía interposta a Xosé Manuel Beiras. O Bloque reacciona, aparecendo a “Declaración de Barcelona” e o pacto co PNV e CiU.

Beiras, pola súa conta, dialoga con Fraga e consegue que se posicione en contra da ilegalización. Mesmo se enfronta nun Comité de Dirección a Federico Trillo encargado de defender as teses de Aznar.

O Prestige e Nunca Máis poñen aínda máis nerviosos aos de Madrid. Pensan que o BNG pode liderar a Xunta de Galicia. Existen conversas entre PP e PSOE e chegan ao acordo de que, pase o que pase, Quintana non pode ser presidente.

Desde a executiva socialista queren pactar co BNG para que apoie a Touriño como presidente. Aínda quedan meses para comezar a campaña electoral. Fanlle chegar a proposta a Xosé Manuel Beiras, co engado de que el sería presidente do Parlamento e tería un papel na política estatal.

Beiras fala con Quintana, que se nega en redondo. O mesmo que a UPG. Nesa reunión de Allariz é onde rachan definitivamente Quintana e Beiras e comeza o proceso de ruptura do BNG, que se materializa anos despois en Amio.

Os que comparan a chegada de Carolina Bescansa coa de Fraga, están a afirmar que a fundadora de Podemos ven a Galiza para rematar coa liña nacionalista que pervive en En Marea? Están a defender que Bescansa ten un pacto co PSOE para despois das eleccións?

Eu non dispoño deses datos, pero si podo analizar que gañe Bescansa ou gañe Reino, será o fin de En Marea, para logo das municipais. Aínda que, se gaña Carolina, poida que o partido instrumental non chegue aos comicios locais.

Se gaña Reino producirase u­nha entente entre Podemos, EU e Anova, que fagocitará a En Marea e prescindirán de Villares.

Que farán Villares e os seus daquelas? Pactarán co BNG?

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar