“Filmes from Galicia” viaxa ao mercado de Cannes

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e oito produtoras audiovisuais integran a delegación comercial de Films from Galicia na 29ª edición do mercado MIPCOM de Cannes, que se celebra do 15 ao 18 de outubro nesta cidade francesa. Trátase da meirande feira mundial para a compra-venda de contidos audiovisuais de entretemento, na que Galicia ten presenza cada ano co apoio do programa de internacionalización do audiovisual galego promovido pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Agadic.

Filmes, series e programas de entretemento para televisión conforman o núcleo da oferta galega neste encontro da man das empresas Big Rights, Cinfo, Congo Producciones, CTV, Ficción Producciones, Portocabo, Voz Audiovisual e Zenit TV, que se desprazan a Cannes na procura de socios internacionais para coproducir os seus próximos títulos e para distribuír os xa finalizados, entre outros obxectivos.

É o caso dos proxectos das miniseries Tres caminos, de Ficción Producciones; El Camino, de Portocabo; O legado de Matthew Steward, de Diez Caminos, participada por CTV; e 100 km. El camino, de Zenit TV, que veñen de obter unha subvención para o seu desenvolvemento como resultado da primeira fase da convocatoria de axudas da Agadic para a difusión dos valores culturais das rutas xacobeas a través de obras audiovisuais de ficción de cara á celebración do Xacobeo 2021.

Ficción tamén viaxa a Cannes con outros títulos en proxecto como Hijos de la ira, Reinas, a terceira temporada da serie de animación Tutu ou Una casa en Amargura, serie pola que obtivo un contrato de desenvolvemento por parte de RTVE a raíz da súa selección para os pitchings internacionais da primeira edición de Conecta FICTION, celebrada o ano pasado en Santiago.

Pola súa banda, Portocabo participa no MIPCOM con propostas en fase de preprodución, como Garbo, Miracle Tunes, Auga Seca ou Cuñados, estas dúas últimas con apoio da Agadic a través da convocatoria de axudas a producións e coproducións audiovisuais. Ademais, entre as obras xa finalizadas que forman parte do seu catálogo, atópase Vidago Palace, tamén subvencionada pola Xunta, e Hierro.

Big Right centrará a súa actividade no ámbito da distribución, na procura de adquirir os dereitos para España de tv-movies, series e documentais. No caso de Congo, as súas xuntanzas en Cannes estarán enfocada á busca de socios internacionais para Tagdemonium, thriller social co que esta produtora especializada en contidos publicitarios dará o salto ao mundo do cinema e da ficción.

Entre as producións e formatos do catálogo de Zenit TV destaca, ademais da devandita serie sobre o Camiño de Santiago, o programa de entretemento Casamos!, en proceso de venda a diferentes canles temáticos. O seguimento da coprodución que xa ten en marcha con Portugal mais a procura de coprodutores latinoamericanos son outros dos obxectivos da compañía neste mercado.

Outra das empresas galegas desprazadas é Cinfo, que se incorpora este ano á delegación de Films from Galicia para ampliar o horizonte internacional do seu ámbito de actuación: a retransmisión e realización de eventos deportivos e musicais, e a elaboración de metadatos.

Moitos dos devaditos proxectos figuran, así mesmo, na última edición do catálogo Films from Galicia, que a Axencia Galega das Industrias Culturais está a difundir no Palacio de Festivais de Cannes, desde o espazo dedicado ao audiovisual de Galicia dentro do pavillón Audiovisual from Spain, promovido polo Instituto de Comercio Exterior (Icex).

Ademais de dispoñer deste recinto para as súas xuntanzas de traballo, moitas delas concertadas durante a celebración o pasado mes de xuño en Santiago da segunda edición de Conecta FICTION, os representantes das empresas galegas reciben tamén apoio económico da Agadic para financiar parte dos gastos de viaxe, aloxamento e inscrición no evento.

Dentro desta mesma liña de internacionalización, este ano Galicia contou con representación nas feiras MIPTV de Cannes, así como no European Film Market de Berlín e no Festival International du Court Métrage de Clermont-Ferrand, entre outros eventos.”

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar