Silleda:Nova edición do Encontro Xuventude Galicia Net

 

A conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, visitou a décimo oitava edición de Xuventude Galicia Net (XGN) R Encounter, que desde hoxe e ata o vindeiro domingo se celebra na Feira Internacional de Galicia. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), María del Mar Pereira Álvarez, acompañaron á conselleira no percorrido polas instalacións.

 

Fabiola García manifestou que XGN R Encounter se ten convertido “nun punto de referencia para a mocidade de dentro e de fóra de Galicia”, ao tempo que apuntou que “é un marco axeitado para achegarse ás novas tecnoloxías e potenciar a formación neste eido desde a base da interacción e o intercambio de experiencias”. Máis de 800 persoas están inscritas neste encontro informático que está considerado como o segundo máis importante de España e que presenta unha variada oferta de actividades lúdicas e formativas: xogos, conferencias, obradoiros e experiencias de realidade virtual, entre outras.

 

Así mesmo, a conselleira destacou que o certame ten un espazo sobre robótica dirixido aos nenos e nenas para iniciarse na montaxe e manexo destes enxeños electrónicos e levará a cabo charlas dirixidas a educadores, pais e avós que non naceron na era dixital pero que conviven coas actuais xeracións de nativos tecnolóxicos. Ambas propostas enmárcanse no programa Digitalent da Amtega. “Avanzamos cara unha sociedade cada vez con maior presenza das tecnoloxías, polo que debemos educarnos e formarnos para vivir nela”, apuntou.

 

Ademais, a titular de Política Social fixo fincapé en que XGN R Encounter “fomenta valores positivos para a xuventude, como son a participación, a formación, a innovación e o espírito emprendedor”, concluíndo que durante esta fin de semana “Galicia é o epicentro das novas tecnoloxías e da informática con este encontro que conxuga innovación, formación e lecer”.

 

Pola súa banda, Mar Pereira, sinalou que desde a Amtega en colaboración con R achegan a XGN R Encounter dúas iniciativas do Plan DigiTalent para impulsar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos CreaR e NativosR, para achegar dunha forma lúdica a tecnoloxía aos máis novos e tamén aos maiores, pais e nais.

 

Pereira fixo fincapé en que é importante desbotar o mito de que os nativos dixitais teñen competencias en tecnoloxía so por ter nacido no actual contexto dixital e mostrarlles tamén as múltiples aplicacións profesionais que ofrece o ámbito tecnolóxico.  Neste sentido lembrou que en Galicia só o 9,3% dos matriculados no sistema universitario cursa carreiras do ámbito STEM. Unhas cifras que contrastan coa alta empregabilidade do sector tecnolóxico galego con preto de 17.000 en 2017.

 

Desde hoxe e ata o vindeiro domingo a previsión é que máis de 1500 persoas acudan ao recinto feiral de Silleda para desfrutar dalgunha das múltiples actividades programadas nesta nova edición do XGN R Encounter, con máis dunha ducia de torneos de videoxogos, nove competicións de arte dixital, robótica, realidade virtual ou drones, entre outras alternativas de ocio e formativas.

 

O certame conta cunha zona denominada Intranet, orientada aos máis de 800 inscritos, onde desfrutan dun posto con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén a participar en numerosas actividades e torneos exclusivos. Tamén hai unha zona coñecida como Extranet, cun completo programa ao que poden acceder gratuitamente tanto os inscritos como os visitantes que se acheguen a Silleda.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar