TVG pon en marcha a serie “Auga seca”, coproducción coa RTP

Televisión de Galicia e a canle portuguesa RTP asinaron un acordo para poñer en marcha unha nova coprodución internacional, a serie de ficción “Auga Seca”. Despois da boa acollida do drama romántico “Vidago Palace”, as dúas canles públicas acordaron dar luz verde a unha nova coprodución entre ambos os dous territorios. Este novo proxecto é un trepidante thriller de seis episodios ambientado nas cidades de Vigo e O Porto.

A produción correrá a cargo da empresa galega Portocabo, responsable de series como “Luci” e “Vidago Palace”, e contará coa colaboración da empresa lisboeta Sp-i, a produtora de televisión máis importante de Portugal.

O proxecto, que xa conta coa axuda á produción do AGADIC, será presentado a partir do próximo luns no MipCom de Cannes, o mercado internacional de televisión máis importante do mundo. Malia atoparse en fase de escrita de guión, “Auga Seca” xa recibiu propostas de 3 distribuidoras internacionais e espertou o interese de varias canles europeas. Nos próximos días a lista de socios deste ambicioso proxecto verase ampliada e completada.

Auga Seca” conta a historia de Teresa, unha muller que toma a decisión máis arriscada da súa vida, decide infiltrarse nunha organización criminal coa intención de vingar a morte do seu irmán. Unha historia de vinganza cargada de xiros e sorpresas onde nada é o que semella.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar