Antonio Durán ‘Morris’ volve a Vilagarcía con ‘A leituga’

Este sábado, día 13, chega a Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa A leituga, a comedia dramática coa que a produtora Emedous convida o público a reflexionar sobre as relacións familiares e o reparto dos coidados. A obra está dirixida por Víctor Duplá e protagonizada por Antonio Durán ‘Morris’, Mercedes Castro, Federico Pérez, María Vázquez e Xosé Barato.

A leituga aborda en clave de humor un conflito familiar polo que todos pasamos ou pasaremos nalgún punto das nosas vidas: como actuaremos no momento en que os nosos pais se aproximen á morte? A montaxe dirixida por Víctor Duplá achegaranos unha reflexión teatral ao respecto dos coidados e as relacións familiares a través de cinco personaxes que se han mover entre a esperanza e a aceptación, o sacrificio e a culpa, o afecto e o rancor. “A peza fala da responsabilidade que temos, como individuos, de medrar”, indica Duplá, subliñando a universalidade da obra e a proximidade coa que o equipo se implica nela. “Fala tamén de todos os que estamos neste proxecto porque fala do lugar do que saímos todos. Fala da decadencia da familia tal como a entendemos en Occidente”. É unha reflexión compartida polo elenco, como amosan as palabras de María Vázquez: “ten que ver con estar presos nos roles familiares, cunha forma de familia que non funciona”.

A relevancia deses temas nos que afonda A leituga (a dignidade humana, o dereito á vida e o dereito á morte, as lealdades familiares) combínase cun enfoque de comedia que dá á obra un equilibrio sutil e delicado. “Nunha primeira lectura parece unha comedia lixeira”, confesa Xosé Barato, “pero canto máis rascas máis ves a profundidade das almas dos personaxes”. Antonio Durán “Morris” tamén subliña a humanidade dos roles que interpretan, lonxe da caricatura: “Víctor lévanos máis aló da comedia superficial, penetrando moito nos personaxes”. Así, a obra busca o xogo entre a identificación e a distancia con esas personaxes realistas por parte do público. Tal e como indica Mercedes Castro, que produce a obra ademais de ser unha das integrantes do elenco, “na interpretación, dende dentro vives un drama porque a situación o é, pero dende fóra pode verse doutra maneira”. Federico Pérez resume o proceso retranqueiramente: “nós cremos que vai ser comedia”. En definitiva, A leituga transita por ese camiño do medio entre a comedia e o drama, o que levará a espectadoras e espectadores a observar entre o riso e a reflexión as consecuencias do reparto dos coidados nas fráxiles costuras dos afectos familiares entre pais e fillos, parellas e irmáns.

Despois desta función de Vilagarcía, A leituga seguirá a súa xira outonal por Vigo (19 e 20 de outubro), Outes (27 de outubro), Viveiro (3 de novembro) e As Pontes (16 de novembro).  

 

Sinopse

Cinco familiares, tres irmáns e as parellas de dous deles, reúnense na casa da irmá maior, Virxinia (Mercedes Castro) e o seu marido, Héctor (Antonio Durán Morris), para celebrar o aniversario do pai, que se atopa en estado de coma desde fai nove anos. O que de primeiras semella unha sinxela celebración, convértese nunha encarnizada poxa por ver quen se responsabiliza dos coidados do pai entre Virxinia e os seus irmáns Vinicio (Xosé Barato), Víctor (Federico Pérez) e a muller deste último, Dora (María Vázquez).

 

Datas

 

Vilagarcía de Arousa: Auditorio Municipa, 13 de outubro ás 21:00.

Vigo: Auditorio Municipal, 19 e 20 de outubro ás 21:00.

Outes: Casa da Cultura, 27 de outubro ás 20:00.

Viveiro: Teatro Pastor Díaz, 3 de novembro ás 20:30.

As Pontes: Auditorio Municipal Cine Alovi, 16 de novembro ás 21:00.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar