O Castro de Cualedro gaña en valor polo seu xacemento arqueolóxico

Nas últimas semanas o único castro declarado Ben de Interese Cultural da Provincia de Ourense, por Decreto 58/2011, foi motivo de intervención por parte de arqueólogos e restauradores. O obxectivo fundamental dos seus traballos era acondicionar o lugar co fin de facelo máis accesible e didáctico.

Levamos anos apostando por recuperar o monumento. Este ano a intención do Concello era musealizalo para que calquera visitante descubrira esta verdadeira xoia dunha forma amena e didáctica”, afirma Luciano Rivero Cuquejo (Alcalde do Concello de Cualedro).

                Actuacións de restauración de cabanas e murallas milenarias, xunto co deseño dun itinerario guiado, acompáñanse da instalación de abundante cartelería informativa e interpretativa. Porén, era necesario executar varias sondaxes arqueolóxicas co fin de drenar as augas do recinto e que as choivas do inverno non puxeran en risco a conservación das estruturas. A execución destas escavacións permitiríalle aos investigadores confirmar varias hipóteses:

O equipo de restauración encomendounos deseñar unha saída de augas que evitara o encharcamento das cabanas que estaban a musealizar. Así foi que decidimos facer esa drenaxe na famosa Porta Ciclópea. Optamos por ese lugar porque a  escavación arqueolóxica ía permitirnos identificar a muralla máis antiga do poboado e confirmar os dous momentos de ocupación do castro que xa temos datados por Carbono 14 noutros sectores.

E así foi, xa podemos afirmar con plena convicción que o recinto fortificado ten unha antigüidade próxima aos 2500 anos e que un grande incendio obrigou aos seus habitantes a reconstruílo case na súa totalidade”, apunta Martiño Xosé Vázquez, arqueólogo e director do proxecto.

                Pero sen dúbida a sorpresa da campaña ía a aparecer alí onde ninguén a agardaba, fóra do propio castro. Localización que se ben é unha alegría para os investigadores, aos que se lles abre un novo campo de traballo, obrigará a reordenar os usos da contorna do poboado para garantir a súa conservación.

                “Foi Antonio R. Colmenero quen dende hai tempo apuntou a posibilidade de que fóra das murallas do Castro da Saceda existiran construcións. Unha hipótese que confirmamos este ano ao descubrir dúas cabanas circulares de grande diámetro, superior a calquera do interior do recinto fortificado. O seu grande tamaño e a existencia da única lareira lítica conservada apunta claramente a que estamos perante un lugar de habitación.

Haberá que seguir investigando pero todo apunta a que estamos perante ao verdadeiro poboado. Todas as previsións que tiñamos agora saltan polos aires. Estamos en contacto con investigadores portugueses e da meseta que nos confirman que noutros castros da súa zona tamén sucede a mesma secuencia e están convencidos que descubriremos máis estruturas e incluso algo que levamos tempo buscando, fornos para forxa e fundición metalúrxica”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar