Educación recoñece a dez centros co premio “Proxecta de Innovación Educativa”

 A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de resolver a convocatoria do Premio Proxecta de Innovación Educativa 2018, co que se recoñece e visibiliza a calidade dos traballos que desenvolveron 10 centros educativos de Galicia ao abeiro do Plan Proxecta.

Na categoría A, na que están incluídas as escolas de educación infantil (EEI), colexios rurais agrupados (CRA), centros de educación especial (CEE), colexios de educación infantil e primaria (CEIP), e colexios de educación primaria (CEP); o primeiro premio foi para o CEIP Barrié de la Maza (Santa Comba), o segundo para o CEIP de Piñeiros (Narón) e os terceiros para o CEIP Plurilingüe Os Casais (Fene) e o CRA Raíña Aragonta (Salceda de Caselas). Ademais, concedeuse un accésit ao CEIP Xosé Manuel Folla Respino (Vilamartín de Valdeorras).

No referido á categoría B, dirixida aos centros públicos integrados (CPI), institutos de educación secundaria (IES), centros integrados de formación profesional (CIFP) e centros públicos de educación e promoción de adultos, o primeiro premio foi para o IES de Cacheiras (Teo), o segundo para o CPI Uxío Novoneira (Pedrafita do Cebreiro) e os terceiros para o CPI Plurilingüe de Vedra (Vedra) e o IES Sánchez Cantón (Pontevedra). A maiores, concedeuse un accésit ao IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova). A dotación total dos galardóns ascende a 28.000 euros; os primeiros obteñen 6.000 euros cada un, os segundos 4.000 e os terceiros 2.000 euros.

O Plan Proxecta -que o curso pasado chegou a 515 centros sostidos con fondos públicos e preto de 123.000 alumnas e alumnos– crea un marco xeral de cooperación grazas ao esforzo doutras consellerías. Así intégranse nun mesmo espazo de referencia as iniciativas dos diferentes departamentos da Xunta para o fomento da innovación educativa, establecendo ademais uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns para a creación de proxectos innovadores que desenvolvan competencias clave e educación en valores.

Trátase de propiciar dinámicas que favorezan a innovación nos propios centros a través de 43 programas externos que aglutinan a maioría de entidades do Goberno galego e unha entidade do Goberno do Estado, con programas dirixidos ao ámbito educativo que buscan potenciar a motivación e o traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado nos proxectos.

Os diferentes programas poden consultarse no espazo do Plan Proxecta no portal educativo http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta/programas .

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar