Tellado: “O debate de politica xeral contraporá un Goberno cunha oposición prisioneira”

 

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reflexionou sobre a situación na que chega Galicia ao Debate do Estado da Autonomía que se celebrará a vindeira semana, contrapoñendo dúas “realidades innegables”: a existencia dun Goberno consolidado e respaldado cunha maioría parlamentaria excepcional, que comparece ante Cámara cun balance do feito e cunha batería de propostas sobre o que queda por facer; e unha oposición dividida “incapaz de artellar sequera un discurso que resulte remotamente coherente entre as tres e prisioneira dos seus conflitos internos”.

De igual xeito, subliñou que mentres aquí contamos cun Goberno estable e sólido, o Executivo nacional atópase nunha posición de extrema debilidade, prisioneiro dos seus socios de moción de censura; e que mentres na nosa Comunidade teremos un debate normal e cun desenvolvemento habitual, o Debate de política xeral catalán foi un esperpento máis do independentismo, que non é capaz de poñerse de acordo nin para unhas propostas de resolución. Ao mesmo tempo, lamentou que o discurso na esquerda galega, especialmente no socialismo, vaia volver renunciar a defender os intereses de Galicia para ser unha sucursal de Ferraz na nosa Comunidade.

 

FERROL MERECE AO MELLOR ALCALDE DA SÚA HISTORIA

Por outra banda, Tellado, afirmou que “Ferrol merece que o mellor alcalde da súa historia recente substitúa ao peor rexedor que tivo a cidade”, logo de lembrar que precisamente esta tarde celebrarase a presentación oficial de José Manuel Rey como aspirante do PP á Alcaldía desta urbe, un posto que “nunca debeu perder”.

O número dous dos populares galegos aseverou que o Concello de Ferrol, con Jorge Súarez á cabeza, foi durante estes últimos anos todo o que non debe ser a política xa que chegou como froito dun pacto de perdedores, que apenas tardou un ano en romperse; mantívose grazas a dous casos de transfuguismo; e aguantou todo o mandato sen facer absolutamente nada pola cidade, porque todos os concelleiros estiveron máis preocupados das liortas internas dos seus partidos ca da xestión diaria.

Así mesmo, apuntou que a dúbida nunca foi se a Marea de Ferrol ía aguantar ou rachar, se non se en 2019 vai haber dúas ou tres Mareas de Podemos diferentes. Por todo isto, o secretario xeral manifestou que Ferrol foi a zona cero do populismo en Galicia e non merece selo catro anos máis.

“O que merece Ferrol é un alcalde con experiencia de xestión, e que renunciou a ser conselleiro para volver a loitar por unha cidade que o ilusiona; que pelexe polos servizos sociais, pola demografía ou polas infraestruturas básicas da cidade; e que teña claro que a prioridade é o emprego e a creación de oportunidades de futuro na cidade e na comarca”, remarcou.

 

O NOVO ESCÁNDALO DA MAREA ATLÁNTICA

Por último, o secretario xeral tamén se referiu á denuncia da Fiscalía da Coruña contra a Marea Atlántica por suposta prevaricación na cesión do antigo cárcere. Como sinalou, unha vez máis, o PP comezou denunciando as evidentes irregularidades deste proceso; os populares recibiron, de novo, insultos das Mareas; e, como de costume, o tempo demostrou que tiñan razón e que Xulio Ferreiro ten unha “rede clientelar” na que na Coruña é imposible facer nada a menos que se sexa asinante ou amigo da Marea.

Ademais, recordou que nas tres últimas semanas este Concello só xerou tres noticias: a anulación da compra dos pisos a un fundador das Marea Atlántica porque hai indicios de amaño no concurso, a anulación dunha feira porque tamén hai indicios de amaño no concurso, e a denuncia da Fiscalía pola cesión do cárcere porque hai ata oito indicios de amaño.

“A ritmo de un escándalo por semana, e nos que cada vez lle toca a un concelleiro diferente, a única explicación posible a todas estas polémicas é que o señor Ferreiro estea a competir con Pedro Sánchez para ver que goberno se desintegra antes”, sentenciou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar