O presidente do Centro Galicia de Bos Aires saúda a Deputación de Ourense

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén, acompañado do secretario desta entidade, Cristian Moares, e da secretaria da Federación de Asociacións Galegas de Arxentina, Lorena Lores. Na reunión analizaron as actividades que se van desenvolver na capital arxentina o vindeiro mes de novembro con motivo da entrega do premio Ourensanía ao Centro do Partido do Carballiño e ao Centro Ourensano de Montevideo, un galardón que o xurado ditaminou conceder ás dúas institucións “por promover a ourensanía na colectividade galega de ambos países”.

O Centro Galicia de Bos Aires é a entidade que conta con maiores posibilidades en canto a infraestruturas para desenvolver o importante acto que reunirá na capital bonaerense as colectividades da emigración ourensá de Bos Aires e Montevideo, actividade que terá lugar o vindeiro 11 de novembro, conmemorando o “Día da Ourensanía no Río da Plata”. O programa inclúe tamén visitas ao Centro do Carballiño en Bos Aires e ao Centro Ourensano de Montevideo.

Baltar destacou “a importancia de todas as entidades que traballaron e traballan a prol da nosa emigración, e da Federación de Asociacións Galegas de Arxentina, símbolo da defensa da democracia e da autonomía de Galicia, sinaladamente, ao longo do século XX, unha defensa que personifica o cadro de Castelao “A derradeira lección do mestre”, obra sobre a que o Centro Galicia afirma non ter inconveniente en que se exhiba en Ourense. Manuel Baltar dixo que a Federación de Asociacións Galegas de Arxentina, “é unha institución sempre significada polo compromiso en favor da liberdade, como tamén o é Lorena Lores, secretaria da federación e artista comprometida”, expresou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar