Ourense celebra a asemblea da Asociacion de Cidades Históricas Termais de Europa

 

A provincia de Ourense convértese esta semana en referente do termalismo no ámbito internacional coa celebración da asemblea da Asociación de Cidades Termais Históricas de Europa (EHTTA). Desde o mércores 3 ao venres 5 de outubro, medio cento de delegados europeos participarán neste evento, co-organizado pola Deputación e o Concello de Ourense. As actividades abranguen sesións e relatorios sobre diferentes temas de actualidade no sector e a realización de visitas de estudo a diferentes enclaves termais da cidade e da provincia.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participa na asemblea en calidade de vicepresidente da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa, entidade á que pertence a Deputación de Ourense e que supón a rede termal máis importante de Europa, na que están presentes 40 membros de 13 países, con cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia capital de Ourense, unha das fundadoras, ao tempo que forma parte do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais.

Na programación destaca a celebración, o 3 de outubro, do seminario “Cafés de Europa”, que estará aberto a toda a cidadanía, e no que se abordará o rol das vilas e cidades termais como axentes de sostibilidade ambiental. Este evento tamén servirá para poñer o foco sobre os aproveitamentos enerxéticos vinculados aos recursos termais mineromedicinais. O seminario, aberto ao público, desenvolverase o día 3 de outubro de xeito previo á asemblea, e abordará proxectos como o Geoatlantic, iniciativa comunitaria financiada con fondos FEDER na que Ourense actúa como socio líder. Co título “A outra cara da auga. Estratexias de sostibilidade en destinos termas”, o seminario servirá para compartir experiencias arredor da enerxía das augas termais, xeotermia, aforro enerxético, protección do recurso, etc. Un espazo de reflexión no marco do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Termais Históricas unha ruta cultural do Consello de Europa.

 

Programa

Mércores, 3 de outubro:

• 15.30 h Inauguración

• 16.00 h BLOQUE I.

– Instrumentos para a inclusión de políticas de sostibilidade en destinos turísticos, por José Luis Maestro, director de competitividade da Axencia de Turismo de Galicia.

– Xeotermia: unha ferramenta na loita contra o cambio climático, por Juan Ignacio Rodríguez Fernández – Arroyo, director xeral do centro tecnolóxico EnergyLab.

• 16.45 h BLOQUE II

– XeoAtlantic: un proxecto para promover a eficiencia dos recursos, por Adolfo Neira Lamas, socio consultor de EOSA.

– Ecobarrio A Ponte: proposta de actuación.

– Campus da Auga, experiencias de cooperación, por Pedro Araújo Nespereira, Grupo de Investigación de Hidroxeoloxía e xeotermia – Universidade de Vigo.

– Sostibilidade no Plan Estratéxico Ourense Provincia Termal.

Mario Crecente, redactor do Plan Estratéxico Ourense Provincia Termal.

• 18.30 h BLOQUE III

– Aproveitamento enerxético nos excedentes de manancial: o caso do Macizo Central francés, por Marion Vansingle, Route des Villes d’Eaux du Massif Central.

– Explotacións xeotérmicas na Eurocidade Chaves-Verín: o caso de Chaves Termas & Spa, por Joaquim Esteves, Chaves Terma & Spa.

• 19.00 h CONFERENCIA DE CLAUSURA

A protección dos recursos naturais como fonte de riqueza e sostibilidade ambiental. María del Mar Corral, douctora enxeñeira de minas – Instituto Xeológico e Mineiro. Nesta xornada abrirase a exposición sobre “Itinerario Europeo do Patrimonio termal”.

Xoves, 4 de outubro: Asemblea Xeral da Asociación Europea, que se desenvolverá de 9.30 a 13.00 horas no salón de plenos do Concello e pola tarde haberá unha visita guiada pola cidade, que comezará nas Burgas e rematará en Outariz.

Venres, 5 de outubro: os participantes trasladaranse á Ribeira Sacra para coñecer este singular recurso turístico, e tamén visitarán o balneario de Laias Caldaria, participando nunha presentación de programas de termalismo.

Máis información sobre a asociación na web: https://ehtta.eu/portal/

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar