Ourense ofrece este mes un novidoso campamento tecnolóxico, “Yes I Camp”

O Concello de Ourense ofrece no mes de outubro un novidoso e pioneiro campamento tecnolóxico e interxeracional, “Yes I Camp”.

“Logo de propostas como o Centro Interxeracional, ou parque inclusivo da Alameda do Cruceiro, voltamos a ofrecer un recurso que ten a interxeracionalidade como concepto básico, algo fundamental no noso modelo de goberno”, sinalou o alcalde, Jesús Vázquez Abad, durante a presentación desta iniciativa, quen recordou ademáis que “hoxe é un día moi acaído para informar desta revolucionaria iniciativa, sendo como é o Día Internacional das Persoas Maiores”, recalcou o rexedor.

Este proxecto foi seleccionado pola Fundación COTEC – unha organización nacional sen ánimo de lucro que ten como obxectivo promover a innovación como motor de desenvolvemento económico e social- entre máis de 2.000 propostas, sendo a única seleccionada dunha administración pública, tal e como destacou o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, nunha aposta por aproveitar a creatividade e a enerxía da mocidade e conxugala coa experiencia e as habilidades dos máis maiores.

“Yes I Camp” abrirá as súas portas a 30 participantes maiores de 55 anos e a outros 18 con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, pero que contan con coñecementos tecnolóxicos. O prazo de inscripción para os interesados comeza mañá ás 9 da mañá. Poderase facer online na web www.lamolinera.net ou ben de xeito presencial no propio edificio de La Molinera.

A través do programa “Maker Seniors” poranse en contacto dúas xeracións diferentes, separadas por 30 anos de distancia. Traballarán xuntos maiores de 55 anos e persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos.

O proxecto aposta por aproveitar a creatividade e a enerxía da mocidade e conxugala coa experiencia e as habilidades dos máis maiores.

Trátase dunha idea sinxela, pero tamén revolucionaria, desenvolvida polo persoal funcionario que traballa a diario en La Molinera, e que contou co visto bo da Fundación COTEC, nuns tempos nos que a chegada ao mercado laboral a xuventude atópase co muro da falta de experiencia e os máis maiores ás dificultades de adaptarse ás novas tecnoloxías.

Con este traballo en común ambas xeracións establecerán un diálogo que lles axudará a reforzar as súas habilidades, mellorar a organización e planificación das labores en equipo e a achegarse sen complexos ás tecnoloxías máis actuais.

O campamento abrirá as súas portas o vindeiro 15 de outubro e rematará o 16 de novembro. Os alumnos terán clases catro horas diarias, tres días á semana. Os interesados en inscribirse poderán apuntarse a partires do dous de outubro.

Durante o campamento, os alumnos enfrontaranse a catro retos: un reto de mobilidade, outro social, a construción dun robot e o reto de que os participantes poidan contar a súa experiencia no curso utilizando todas as posibilidades tecnolóxicas e dixitais existentes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar