O 8, Día da Ciencia en Galicia

O Día da Ciencia en Galicia, promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), homenaxeará o vindeiro luns día 8 ao matemático e humanista Domingo Fontán Rodríguez, coincidindo co 230 aniversario do seu nacemento. O acto académico aberto ao público que se celebrará en Santiago de Compostela centra un programa de actividades que se está a estender ao longo de todo o ano para achegarlle ao gran público a figura deste científico, recoñecido como o autor do primeiro mapa topográfico de Galicia (durante moito tempo, o único do territorio español realizado con criterios científicos).
O vindeiro luns ás sete da tarde as portas do Pazo de San Roque abriranse ao público para acoller o acto académico na honra de Fontán, que incluirá a entrega do Premio Galicia de Xornalismo Científico, convocado pola RAGC coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ao director e condutor do programa Efervesciencia da Radio Galega, Manuel Vicente.
Os asistentes poderán visitar tamén a exposición que se inaugurará ao inicio do acto no mesmo pazo, na que se fará un percorrido polas figuras dos once investigadores homenaxeados con motivo do Día da Ciencia en Galicia desde que fora instaurado en 2008. Posteriormente, a mostra itinerará por diversos centros escolares e outros puntos para estender o coñecemento dos máis novos e do público en xeral sobre figuras senlleiras da ciencia galega como o Padre Feijóo, Ángeles Alvariño ou Juan Ramón Gallástegui, entre outros, ademais do propio Fontán.
A RAGC editou un vídeo divulgativo sobre a figura de Fontán que recolle os principais fitos do seu labor e que, ademais de ser proxectado durante o acto académico, será difundido por diversas vías. Ademais, presentarase a revista de divulgación que a institución edita anualmente para dar a coñecer o legado do científico homenaxeado, así como os principais fitos da ciencia realizada en Galicia ao longo do último ano.
 
O mesmo día 8 pola mañá, o Concello de Santiago colocará nun dos bancos do Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal unha praca na honra de Domingo Fontán, que se sumará á dos científicos galegos recoñecidos en anos anteriores.
Ademais, grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega, será distribuída nos centros escolares de toda Galicia unha unidade didáctica elaborada por expertos sobre a figura e o legado do matemático e humanista pontevedrés.
No eido educativo, o Club de Ciencias do Colexio Compañía de María de Ferrol anunciou a súa intención de secundar a partir deste ano a celebración do Día da Ciencia en Galicia dedicándolle ao científico homenaxeado a súa Semana da Ciencia. O evento, que este outono alcanza a súa décima edición, incluirá charlas e experimentos preparados polos alumnos e alumnas sobre Fontán. O acto académico do 8 de outubro contará coa presenza dun grupo deles, invitados pola RAGC.
Por outra parte, a Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán celebrou o pasado mes de abril un acto de homenaxe en Portas (Pontevedra), a localidade natal do científico. Ademais, o Concello de Redondela acolleu durante o mes de xullo unha exposición cartográfica dedicada a Fontán que itinerará polos centros escolares do municipio durante os vindeiros meses.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar