Galaxia publica unha novela inédita de Anxo Rei Ballesteros

Dezanove badaladas foi a primeira novela escrita en galego de Anxo Rei Ballesteros e chegará por primeira vez ás librarías no mes de outubro

A partir do 17 de outubro, Galaxia porá nas mans de lectoras e lectores Dezanove badaladas, a primeira novela escrita en galego por Anxo Rei Ballesteros. Redactada entre 1969 e 1970, cando o autor tiña dezasete anos, a obra permanecera inédita ata o de agora.

Nunha Compostela case fantasmal, dominada polas torres das igrexas e os lampexos engaiolantes dos bares, Dezanove badaladas conta o deambular nocturno de Nolo, que, logo de marchar da aldea á cidade, sae da casa na compaña de tres amigos para se divertir con fartura gastando a súa primeira paga mensual de obreiro. Coma unha estadea urbana que se ensume no corpo verdegante da noite en procura dunha salvación inalcanzable, Rei Ballesteros traza o percorrido dos personaxes arredor dun desacougo íntimo que o inza todo. A sensación estraña de sentirse foráneo —fóra de lugar— na propia vida. Viaxe ao cabo da noite, paseo polo pracer e a morte, novela de aprendizaxe e metáfora da existencia, velaquí o preludio esencial á obra dun autor maior.

De acordo cos herdeiros do autor, Editorial Galaxia publica Dezanove badaladas como unha homenaxe a Anxo Rei Ballesteros e á súa dedicación á literatura. Consérvase un manuscrito da novela, a partir do cal se estableceu o texto publicado, no que tamén se reproduce a variante unha pasaxe da novela e varias observacións do autor sobre cuestións pendentes de revisar.

ANXO A. REI BALLESTEROS (Codeso, Boqueixón, 1952-A Coruña, 2008) iniciou a súa obra narrativa coa novela Dos anxos e dos mortos (1977), un fito na renovación da narrativa galega, á que seguiron Loaira (1992), que o crítico Xoán González-Millán definiu como“un dos proxectos novelísticos máis complexos e ambiciosos da historia da narrativa galega”, e no 2005 publicou a novela Non sei cando nos veremos. Xunto coa obra de teatro Xogos de damas (1988) e o ensaio A outra memoria (1989) tamén é autor do libro de relatos A sombra dos teus soños (1998). No ano 2002, obtivo o Premio Ramón Piñeiro de ensaio con Tempo e vinganza. Postumamente, publicaríanse a novela A noite do moucho (2009) e o ensaio Presenza dunha ausencia (2013).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar