Entre predicar e dar trigo

Entre predicar e dar trigo, hai a  mesma diferencia que entre ser goberno ou oposición en calquera institución. Canto máis alta a institución, maior diferencia.

Que llo digan ao goberno de España que nos seus primeiros cen días tivo que pagar peaxes varios por dedicarse á política con altas responsabilidades directas, cun gran peso social e persoal. Peaxes personais, de estudos, e de goberno, sendo un deles clara manifestación de que gobernando a predicación non serve.

Se fosen oposición en lugar de goberno opoñeríanse frontalmente á venda a Arabia Saudita dunhas tremendas bombas intelixentes –que só serven para facer mal, claro- facéndolle o xogo ou seguíndollo a agrupacións ou institucións privadas que, como non teñen responsabilidades no tema, opinan con total liberdade, co xeral contento de todo o que se considere progresista, e pode permitirse o luxo de ser librepensador, independente, sen responsabilidades, por riba do ben e do mal.

E este goberno, que aínda non lle tomou de todo a medida ás súas responsabilidades, ás forcas caudinas polas que todo goberno ten que pagar, decidiu escoitar aos que opinan que Arabia Saudita pode facer mal uso destas bombas en Yemen –como se as bombas tivesen algún bo uso en algún momento ou lugar- e púxolle a proa á entrega deste material explosivo ao comprador.

Como ocorre en calquera operación comercial –deso se trata, aínda que doa, aínda que repugne- a parte contratante estimou que se o proveedor cuestiona algo pactado ben pode o agraviado cuestionar o contrato de construción duns barcos por parte de Navantia, que supoñen postos de traballo en España para 6.000 persoas, uns centos en Galicia.

Centos de razonamentos, milleiros de protestas e cavilacións e algunhas manifestacións despois, o goberno de progreso decide que non hai por que dubidar da corrección de vender unhas bombas de nada a un país amigo, e que non imos poñer en perigo  as cousas de comer por unha minucia de dereitos humanos.

O Goberno entendeu que o comercio ten moita máis importancia práctica que a predicación. E quedou clarísimo que cando a un lle apretan determinadas zonas sensibles, ábrese proporcionalmente o conducto de tragar os sapos políticos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar