Teo: O PP esixe ao alcalde á volta ao consenso político sobre a planta de resíduos

Rafael Sisto e Uxía Lemus romperon a concordia entre os partidos políticos de Teo con motivo da planta de residuos de Casalonga. Para Jose Manuel Guerra “tratase do maior reto ao que nos afrontamos en décadas en Teo e dende o PP entendemos que temos que remar todos na mesma dirección para conseguir solucións. É o momento de deixar de lado as cores políticas e deixar de manipular, xerar alarmismo e confusión, temos que manternos unidos xa que é un problema que nos convén solucionar a todos”.  

O PP fai un chamamento ao actual equipo de goberno despois de que hai uns días o actual rexedor, Rafael Sisto, dinamitara o consenso existente na corporación municipal entre todas formacións políticas para rexeitar a instalación da planta de residuos “co único fin de conseguir máis votos nas vindeiras eleccións municipais, chegando incluso a pedir o voto na última reunión celebrada para dar conta do traslado do informe de incompatibilidade urbanística á Xunta”.

Guerra lamentou, ademais, que “o alcalde lanzara duras críticas contra a Xunta nesa reunión cos veciños, cando a verdade é que o Goberno galego sempre actuou con lealdade institucional e ofrecendo colaboración ao Concello para a tramitación do expediente”.

 

FINS PARTIDISTAS  E ELECTORALISTAS

O PP de Teo amósase molesto xa que “ante un tema tan importante para o noso Concello, o alcalde da vila está máis preocupado en pensar nas vindeiras eleccións de maio que en dar solucións aos problemas dos veciños”.

“Estou convencido que o alcalde está máis interesado nestes momentos en buscar réditos políticos con esta situación que en resolver o problema dos veciños. Pola súa maneira de actuar sabemos que está máis preocupado en recabar votos, agora que chegan as eleccións municipais, que en buscar solucións. Está máis interesado en buscar enfrontamento que consenso, un consenso que nos permita librarnos do que pode ser un gravísimo problema se se chega a instalar a planta de residuos en Casalonga” remata Guerra.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar