O Concello de Ourense demanda actuacións por importe de 7 millóns nas áreas de rehabilitación

O Concello de Ourense solicitou 608 subvencións dentro do Programa de Fomento para a Rehabilitación e Renovación Urbana (ARRU) do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, que suporán unha inversión total de 7.131.782 euros, segundo informou o concelleiro de Urbanismo, José Cudeiro, con motivo dunha xunta de área celebrada este martes. Poderán beneficiarse das axudas os propietarios de vivendas e edificios de vivendas emprazadas nas catro Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) da cidade: Seixalbo; Casco Histórico; Polvorín, Camelias, A Carballeira; e Serra San Mamede, Cruceiro Quebrado, A Inmaculada.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destaca que a súa aprobación suporá “unha importante inxección económica para a rehabilitación, reforma e mellora de vivendas nas catro áreas de Rehabilitación Integral da nosa cidade”. “Estamos a falar dun proxecto que, entre outras obras, vai supoñer melloras substanciais na accesibilidade ou illamento dos edificios, o que en moitos casos vai repercutir directamente nun aforro nos consumos eléctricos ou de calefacción”.

A ARI do Polvorín, Camelias e A Carballeira, concentra o 59% das solicitudes: un total de 360 actuacións por un orzamento de 3.575.820,50 euros. Desta cifra o Ministerio de Fomento aportaría 1.394.328,20 euros; a Xunta de Galicia (a través do Instituto Galego de vivenda e Solo) 453.492,31 euros e o Concello 468.000 euros. O resto correría a cargo dos promotores.

A maior parte desta inversión (2,5 millóns de euros) estaría dedicada ás obras de rehabilitación; 720.000 euros para gastos de urbanización en rúas, parques e solo público relacionado coas actuacións nas vivendas da zona; e o resto (335.000 euros) iría destinado ao equipo técnico de xestión.

Para o ARI do Casco Histórico de Ourense, que afronta a súa 16 fase, o Concello solicitou 120 actuacións entre os anos 2018 e 2021, que terán un custe de actuación total de 1.641.320,50 euros. Deste orzamento Fomento correría con 636.000 euros; a Xunta con 288.000; o Concello con 177.3320 e o resto (540.000) correrá a cargo dos solicitantes.

Nos barrios de San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada solicitáronse 104 actuacións, cun orzamento de 1.257.320,50 euros dos que Fomento encargaríase de 468.000; a Xunta, 228.800; o Concello 196.520 e 364.000 euros correrían a cargo dos propios promotores.

Para o ARI do Núcleo Etnográfico de Seixalbo o Concello solicitou 24 actuacións, cun orzamento total de 647.320,52 euros. Neste caso Fomento correría con 156.000 euros; a Xunta, 64.800 euros, o Concello 292.520 euros e os promotores privados 144.000 euros.

Os beneficiarios finais dos fondos repartidos serán os propietarios de vivendas e edificios de vivendas emprazados no ámbito das Áreas de Rehabilitación Integral, que recibirán axudas a fondo perdido para as actuacións de rehabilitación que realicen. Tamén se poderán beneficiar das axudas os propios concellos para a realización de actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito das ARI. Ademais, a Xunta, con fondos propios, financia as oficinas de rehabilitación municipais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar