Alfonso Rueda amosouse na TVG contrario a investir cartos públicos no Pazo de Meirás

 

O programa “Bos Días” da  Televisión de Galicia recibiu  a visita do vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda. Durante a conversa con Marcos Sueiro, referiuse á proposta de subida de impostos e ás cuestións de máis actualidade en Galicia, como a transferencia da AP-9 ou a recuperación do pazo de Meirás.

O vicepresidente falou en primeiro lugar da proposta de Podemos de subir os impostos á banca e as clases altas. Rueda referiuse “dúas maneiras de gobernar” e comparouno co obxectivo de Xunta, que é “mellorar os servizos públicos sen que a xente  pague máis, e baixar os impostos ano a ano pola mellora da economía”. Cualificou a Iglesias como “vicepresidente de facto” e explicou que as subidas de impostos sempre acaban repercutindo na xente.

Acceso á entrevista na web da TVG

Rueda tamén fixo fincapé nas conversas da ministra de Xustiza, Dolores Delgado, con José Villarejo, afirmando que “é o caso máis grave nos 100 días de goberno socialista, posto que “mentiu acerca da súa relación con Villarejo”. Rueda valorou que “o goberno naceu como un goberno de estrelas e en 100 días terá seguramente tres demisións de ministros”.

Xa en clave galega, referiuse ás dúas mocións de investigación que se levarán a cabo no Parlamento, unha da sanidade en Galicia e outra do acontecido no accidente do Marisquiño. O vicepresidente manifestou que “demostran a transparencia do Parlamento” e que “será unha  gran oportunidade para falar da nosa sanidade, unha das mellores de España”.

Arredor do pazo de Meirás, Rueda sinalou que “hai que dicirlles aos herdeiros de Franco que non agarden ningún carto público dos galegos para recuperar o pazo, a Xunta non vai entrar niso”, referíndose a unhas declaracións do neto do ditador en que valoraba poñer á venda a súa parte.

Outro dos temas tratados foi a transferencia da AP-9, da que dixo que “queremos adquirir a titularidade da xestión para actuar dun xeito máis directo”. Tamén engadiu que “a autoestrada non vai ser gratis, non pretendemos enganar, pero funcionarían mellor”.

Para rematar, referiuse aos “cambios inminentes no goberno” por mor das candidaturas ás municipais de dous conselleiros. Rueda falou de “estabilidade do goberno fronte á inestabilidade absoluta do señor Sánchez” e remarcou que “sempre se fixeron bos equipos”. Facendo balance da lexislatura, remarcou que “o presidente cumpriu o seu compromiso e estamos  cumprindo o noso contrato, que é o programa electoral”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar