Abusos sexuais nos seminarios

Na novela Amigos sempre rela- taba abusos sexuais nun seminario. Chamoume frei Xosé, o bis- po franciscano de Lugo, para dicirme que tres cregos querían demandarme, pero que el non os deixaba. Contesteille que non se preocupase, que era mellor que me levasen a Xustiza para que así se puidesen depurar responsabilidades. Contestoume que el entendía que era unha novela, pois o que a el lle contaran non se correspondía para nada co que eu describía. Volvín a darlle a razón e argumentei que, segundo o que eu sabía, quedárame curto no relato, e que eses tres cregos, que se deran por aludidos sen eu citalos, si que debían ter boa información.

Moitos ex-seminaristas pasáronse o libro dun a outro en vez de mercalo, coma se fose un libro prohibido, se cadra como reflexo daqueles anos no que se mesturaba a curiosidade e o medo ao pecado. Algunhas librarías negáronse a vendelo e a maioría dos medios de comunicación aplicáronlle a lei do silencio, que é a que máis e mellor mata as historias que mancan.

Moitos compañeiros, que me contaran feitos, algúns sufridos nas propias carnes, agora renegaban. Non só iso, tamén negaban episodios que eu presenciara. Un compañeiro dime: “Total, o crego X, só nos daba bicos, non?

Un psicólogo explicoume que era lóxico que quixesen borrar ese pasado. Aínda que tamén afirmaba que mellor lles sería sacar todo para fóra, para reencontrarse con sigo mesmo. Que el sabía ben que había compañeiros con problemas, que aínda non deran superado.

Pensei que dous daqueles superiores, que abandonaran o sacerdocio e que militaban no PCE en Madrid, dirían algo. Non só calaron, senón que tamén negaron.

Cúmprense agora vinte anos da publicación daquel libro. Ecoan por todo o mundo os delitos sexuais de cregos e as artimañas das igrexa Católica non só para tapalos, senón para xustificalos, afirmando que “os abusos non só son cousa dos relixiosos, senón de toda a sociedade”. E aínda algún destes pederastas o xustifica dicíndolle a vítima que o comprenda, que “viña moi extresado de dicir tres misas”.

O actual papa móvese nun quero e non podo para depurar responsabilidades, converténdose a denuncia destes delitos nunha guerra aberta dentro do Vaticano, tan grande como a comezada polo control das súas finanzas.

No Estado español van aparecendo denuncias concretas, unha aquí e outra acolá. Nalgúns casos depúranse responsabilidades relixiosas, pero nunca penais.

Sorprendentemente, Galiza está a marxe destas denuncias… E se as vítimas non queren facelo, están no seu dereito. Pero este xornalista ten a obriga de dicir que “habelos hóuboos” e que, como sentenciou o Supremo, “todo tocamento non consentido é abuso sexual”.

 

O xornalista Alfonso Eiré é colaborador habitual de “El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar