Lugo:O candidato popular quere ser alcalde de tódolos veciños

O candidato á alcaldía do Partido Popular Ramón Carballo definiu a folla de ruta do próximo trimestre que estará marcada “polas accións de proximidade e polo traballo a pé de rúa”.

O alcaldable popular explicou que “se deseñou un calendario maratoniano para este trimestre co obxectivo de visitar as máis de 600 rúas da cidade e as 54 parroquias do municipio. Estas visitas complementaranse con encontros sectoriais que se desenvolverán todas as semanas coas entidades do tecido asociativo, social, empresarial, deportivo e turístico do municipio”. Ramón Carballo aposta por este tipo de accións na rúa nas que pode responder ás preguntas dos veciños sobre as cuestións que lles preocupan ofrecendo a visión do Partido Popular así como as solucións ás que se compromete se chega a alcaldía.

A campaña “para tomar o pulso da cidade do Café con Ramón Carballo” pivotará na presenza na rúa do candidato dando a oportunidade, a calquera veciño ou veciña que o desexe sen ningún requisito previo, a manter un encontro persoal con el.

“A forma de contactar é moi sinxela xa que durante as visitas aos barrios repartirermos tarxetas nas que os interesados deben deixar o seu teléfono ou mail e deste xeito se contactará con eles” indicaba o candidato.

O deseño desta campaña utiliza como reclamo unha taza de café co perímetro da muralla e cun texto no que se alude á muralla de Lugo unha muralla de dez portas non é unha muralla pechada, bloqueada nin paralizada. É unha muralla aberta aos desafíos do tempo”.  Ramón Carballo convida aos lucenses “a atoparnos nela, cun café por medio, para escoitarvos e escoitarnos co obxectivo de construír un Lugo á altura da súa grandeza”.

O popular reflexionaba sobre a necesidade de abrir á participación poñendo á muralla no centro do seu discurso “unha muralla con dez portas non é unha muralla pechada é unha muralla aberta ás ideas, ao talento, ao dinamismo” lamentando que pola nula xestión da alcaldesa teñamos unha “cidade bloqueada e paralizada”. No PP non queremos unha cidade pechada en si mesma que non se move e que non está á vangarda nin á altura do que se merece”.

Carballo puxo de manifesto que “eu quero ser un alcalde de todos e, nese senso, queremos dar participación e falar con todo o mundo” afirmou. “Queremos coñecer de primeira man, as  inquedanzas e suxestións dos cidadáns do municipio e as súas propostas formarán parte do programa que se está a esbozar”. “Queremos un programa 100% participativo porque o futuro de Lugo depende dos lucenses e queremos que todos teñan cabida nel.

“Todo este traballo permitirá enriquecer o programa electoral que xa estamos perfilando. Será un programa realista sen promesas improvisadas e imposibles” concluíu o candidato popular.

 

Equipos de distritos

De forma paralela o candidato explicou que na última semana de setembro manterá encontros cos equipos dos cinco distritos de Lugo “irei aos barrios para falar cos afiliados e colaboradores”.

Por último, o candidato popular “defende un traballo de propostas, fronte a quen están instalados nas protestas e non trasladaron nin unha soa alternativa nin solución para o futuro de Lugo e os lucenses”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar