Feijóo anuncia a continuidade de Jesús Vázquez na alcaldía de Ourense

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a cidade de Ourense non só tivo que enfrontarse á crise e sortear as dificultades cotiás que supón a xestión pública, senón que tamén tivo que superar o boicot constante da oposición. “Unha oposición que acabará o mandato sen facer nada pola cidade e que non ten ningún proxecto”, dixo.

O dirixente popular, que acompañou a Jesús Vázquez no seu acto de presentación como candidato á Alcaldía de Ourense, lembrou que o rexedor chegou ao cargo despois dun mal goberno e que seguirá no mesmo despois dunha mala oposición.

“Eu invito aos ourensáns que dubiden se teñen o mellor alcalde e miren cara os alcaldes das outras cidades”, apuntou, e lembrou que hai partidos que miran aos seus alcaldes con bochorno, con desconfianza, sen ilusión e coa dúbida de saber exactamente a que se dedican.

“Nós miramos a Jesús e vemos traballo, ganas, balance, proxecto, ilusión e futuro”, dixo, e engadiu que fronte aos que serven con soberbia el faino con humildade, sen someterse a chantaxes ou ameazas para sumar maioría.

Feijóo aseverou que para optar á Alcaldía de Ourense o partido escolleu a un home traballador e que sempre antepón o servizo aos demais por riba das preferencias persoais. Ademais, puxo en valor o camiño de diálogo e de política construtiva que iniciou Jesús Vázquez, baseado en que os veciños atopan ao seu alcalde na rúa cun sorriso e unha palabra amable. “Ese camiño pode non ter pedras e así avanzar con máis intensidade e velocidade. E podemos quitar esas pedras con votos nas próximas eleccións”, apuntou.

O presidente do PPdeG lembrou que non hai aliados na oposición para facer medrar a Ourense, pero si na Xunta de Galicia. Por iso, e pola perseverancia do alcalde, a cidade ten unha nova escola infantil de 82 prazas que pronto se converterá nun centro interxeracional con 80 prazas máis de centro de día, e o primeiro campus periférico especializado de Galicia, que é o Campus da Auga. “Tamén un proxecto para unha estación intermodal que avanza a velocidade de cruceiro e un hospital público ampliado”, engadiu.

Alberto Núñez Feijóo comprometeu que a Xunta seguirá traballando para acondicionar a rúa Otero Pedrayo, para rehabilitar varias vivendas do centro histórico, e tamén o enlace do Polígono de San Cibrao coa A-52. “E seguiremos traballando para poñer en valor a Ponte Vella e consolidala como un atractivo turístico de primeiro nivel”, dixo. Ademais, avanzou que a Xunta traballará para facer realidade o proxecto do ecobarrio e que A Ponte sexa un referente europeo en eficiencia enerxética, e lembrou que o Goberno galego acaba de presentar un proxecto para un novo centro de discapacidade.

 

 

CANDIDATO Á ALCALDÍA DE LUGO

 

 

Con anterioridade, o presidente dos populares galegos  puxo en valor a vocación de traballo do PPdeG, estea no goberno ou na oposición: “Cando gobernamos, dedicámonos a escoitar e a xestionar, e cando estamos na oposición, dedicámonos a escoitar e a propoñer”. Un traballo que, dixo, é o que fai que a maioría dos galegos e dos ourensáns confían no proxecto dos populares, eleccións tras eleccións: “Non é polos nosos eslógans, polas vallas publicitarias nin polos folletos. Se o Partido Popular segue gañando eleccións é porque sabemos que aos veciños se lles serve 365 días ao ano e non unha vez cada catro anos”.

Durante a convención de cargos do Partido Popular de Ourense, Feijóo destacou a solidez e a estabilidade do PPdeG, un partido que, segundo dixo, “afunde as súas raíces na sociedade galega”. E é que, tal e como indicou, “ser o partido que máis se parece a Galicia non é só un lema”, senón que é a explicación da súa forza. Apuntou pertencer a unha formación política “de palabra, previsor e leal”, que mira cada día no espello dos galegos e que tenta seguir aprendendo deles: “Somos un partido máis de facer que de falar, que pensa antes de facer e que sabe que para reflexionar, primeiro convén escoitar”.

Tal e como destacou o presidente dos populares, este encontro non se trata dunha edición calquera, senón que se celebra a oito meses dunhas eleccións municipais, onde o partido será examinado ante os cidadáns polo traballo destes tres últimos anos: “Temos que defender o noso proxecto porta a porta, persoa a persoa, con ilusión e sen complexos”. Porque, tal e como indicou Feijóo, ademais de consolidarnos como o primeiro partido en Ourense, en Galicia e en España, “temos que demostrarlles aos cidadáns que acertaron ao confiar en nós”. Animou a que nos vindeiros oito meses, se leve a cabo a tarefa de recordarlle aos veciños todo o que se logrou facer co seu apoio, así como tamén explicarlles todo o que “lograremos se nolo volven conceder”. Para iso, destacou o “apoio fundamental” dos afiliados e simpatizantes do Partido Popular de Galicia.

Neste senso, indicou que o acto desta tarde non é para transmitir solvencia, xa que no PPdeG, a diferenza doutras formacións políticas, demóstrase día a día, sen necesidade de esperar que haxa eleccións. Para os populares, as eleccións municipais, dixo, son unha nova ocasión para demostrar que “temos un balance que defender en cada concello e en cada provincia, tanto no goberno como na oposición, e que temos un proxecto para seguir axudando a que Galicia creza e que os galegos vivan mellor”. A diferenza doutros partidos que son modas, e pasan da omnipresencia á irrelevancia en cuestión duns cantos titulares; que se deixan ver unicamente cando hai urnas cerca, e que desaparecen sen deixar rastro despois do escrutinio; e que son dunha única persoa, que son fortes cando o líder está en forma e desaparecen cando o xefe cae en desgraza; e que só existen en Galicia cando gobernan en Madrid.

Avogou por “artellar un proxecto de unidade para Galicia”, fronte aos que dividen entre bos e malos galegos, os que dividen entre galegos do norte e do sur e os que queren dividir polo que se cre, pensa ou se vota. A diferenza desas formacións, o PPdeG seguirá defendendo que os galegos necesitan solucións compartidas a problemas comúns. Por iso, subliñou que Galicia non necesita novas fronteiras, senón máis estradas, máis vías de alta velocidade e mellores conexións co exterior. Do mesmo xeito, animou por seguir construíndo consensos e lugar de importar problemas que aquí non se dan, e por aportar dirixentes comprometidos e con ganas de traballar e non “políticos preocupados só por lucirse”. “No PPdeG estamos en política exclusivamente por un motivo: para estar á disposición dos veciños. E queremos estar nos gobernos unicamente por unha razón: para serlles o máis útiles posible aos veciños”.

Apuntou que os populares galegos tan só teñen unha única débeda: a gratitude que lles debemos a todos os galegos, porque, dixo, son quen decidiron que o PPdeG gobernase na maioría dos concellos da provincia de Ourense, na capital e na Deputación. Neste senso, Feijóo lamentou que o presidente do Goberno de España estea en débeda cos independentistas, cos populistas e cos nacionalistas: “A todos eles, sen excepción, España non lles debe nada. E, polo tanto, os galegos e os españois non temos ningún favor que pagarlles”.

Dixo que Galicia é o orgullo de España pola súa estabilidade, pola súa unidade e pola súa responsabilidade, e que contribúe a facer unha España mellor desde o diálogo construtivo. Neste senso, recordou a declaración conxunta on outras cinco comunidades para pedir mellorar no funcionamento autonómico, superando diferenzas políticas porque o que estaba en xogo era “blindar o financiamento duns servizos públicos de calidade.

Para finalizar, salientou que o PPdeG conta cunha ferramenta dun valor incalculable: a política útil, que non é outra que a que “achega solucións para conciliar ou para atender a familiares dependentes”, a que se preocupa das infraestruturas e a que “comeza desde o asfaltado, a iluminación e os equipamentos das parroquias máis pequenas para poder acadar os obxectivos máis grandes”. “Nós –engadiu- levamos no ADN a vocación de facer política nacional desde Galicia, pero facémolo ao noso estilo: á galega”, sen chantaxes, sen ameazas e sen incumprir as leis.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar