Ramón Carballo, candidato do PP a alcaldía de Lugo

O alcaldable do Partido Popular Ramón Carballo describiuse como “unha persoa de  palabra, de consenso, predecible e reflexiva” e tamén se definiu “como un home de partido” asegurando que presentarse como candidato á alcaldía de Lugo foi unha decisión meditada e que o fai dende o convencemento de que é preciso un cambio de rumbo no Concello que “só se pode conseguir co traballo, a unidade, a experiencia e os afiliados dun partido como é o Partido Popular”.

Ramón Carballo recurriu ao refraneiro para anunciar a súa decisión “cada cousa ao seu tempo, hoxe chegou o día “D” e a hora “H” e aquí me presento ante todos vós coa máxima ilusión e gañas de ser o candidato do PP á alcaldía de Lugo. O alcaldable explicou que pón a disposición do Partido e dos lucenses a súa experiencia como xestor en diferentes administraciones públicas matizando que “a partir de hoxe me adicarei, en corpo e alma a esta etapa ilusionante”.

O alcaldable popular matizou que “non é home de promesas imposibles e improvisadas” e que fará “un traballo honesto e propostas sen ataques”. O alcaldable manifestou que asumía a responsabilidade de ser candidato co ánimo de que Lugo teña unha oportunidade de cambiar a folla de ruta que “de forma tan descompasada e desfinada tocan os socialistas”.

“Nesta cidade estudei dende os dez anos, aquí teño a miña familia e aquí tamén invertín  o froito do meu traballo. Carballo afirmou que “amo a esta cidade, amo a Lugo e estou convencido de que non a hai mellor. Ela mo deu todo e, polo tanto, eu tamén me sento en débeda con ela”.

Carballo dixo que a única receta para gañar á alcaldía é “ilusionar aos lucenses”, engadindo que “queda moi pouco, oito meses para completar equipos e cerrar programa” destacando que “o Partido Popular é un partido aberto á sociedade, humilde e autocrítico pero tamén centrado porque así son tamén os lucenses”. O alcaldable popular asegurou que “representamos un partido gañador e que ten un proxecto para o Concello. Así llelo trasladaremos á cidadanía”.

O candidato á alcaldía resumía en catro eixos o traballo a curto prazo destacando que se centrará en reforzar equipos mesturando a experiencia e a renovación para corrixir erros e profundizar nos acertos. Tamén avogou por escoitar aos veciños e defender as súas propostas. En terceiro lugar comprometeuse a manter unha presenza permanente nas 54 parroquias do rural e intensificar visitas nos barrios de Lugo. E por último subliñou que é necesario “explicar de forma clara e sen complexos o proxecto do Partido Popular”.

Durante a súa intervención o alcaldable do PP agradeceu a confianza do presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijóo, tamén o apoio da presidenta Provincial, Elena Candia, e celebrou o a asistencia de centos de afiliados de base, diferentes cargos do partido así como de representantes de  entidades do tecido social e veciñal.

O candidato popular concluía a súa intervención facendo un repaso da situación que vive o Concello de Lugo tanto da amalgama de partidos de esquerda que impediron que o PP ocupase á alcaldía como das desfeitas do goberno socialista de Lara Méndez poñendo diferentes exemplos da parálise de xestión e dos seus erros máis sonados.

 

“A persoa perfecta”

Pola súa banda, a presidenta do Partido Elena Candia destacou os valores do candidato do PP á alcaldía de quen salientou tanto a súa condición como home de partido, o seu talante e a súa experiencia como xestor. “Ramón vai a por a funcionar o Concello de Lugo solucionando o caos e a parálise que hai no municipio”, destacou.

Neste senso, indicou “que estamos diante da persoa perfecta para volver ilusionar aos lucense que, durante estes últimos anos de socialismo, asistiron aos desencontros dun Partido roto, enfrontado entre sí e que segue emparapetado no goberno coa apoio doutros grupos de esquerda que tamén son cómplices dos erros do PSOE”.

Por iso, remarca: “sei que Ramón está motivado para afrontar este novo reto, pero tamén estou convencida de que se os lucenses lle dan o seu apoio, será capaz de reverter a situación que temos en Lugo”. E é que, segundo apuntou a dirixente dos populares na provincia, “o goberno de Lara Méndez pasará á historia por ser o goberno da NADA: NADA SEI E NADA FIXEN”. Como exemplos disto citou que non se levase a cabo ningún proxecto novo para Lugo ou que tampoco se dea unha solución ás numerosas queixas relativas ao estado deficitario de beirarrúas e do mobiliario urbano, da maleza que invade certas zonas e espazos da cidade, etc.

Por tanto, e ante este panorama marcado pola parálise e a inoperancia na xestión, Elena Candia considera que “Lugo necesita ao PP e Lugo necesita a Ramón para dar coherencia e sentido común ao Concello”. E, neste cometido, a dirixente dos populares na provincia non dubidou en trasladar ao novo candidato “todo o apoio persoal e da da estrutura provincial porque se Ramón gaña, os lucenses gañan e a provincia gaña”.

 

Perfil Ramón Carballo

Ramón Carballo Páez preséntase como candidato á alcaldía de Lugo nas eleccións municipais de 2019. Este lucense de 59 anos natural do lugar do Seixo en Pedrafita do Cebreiro reside en Lugo dende que tiña once anos. É veterinario de profesión e exerceu como autónomo en varios concellos da provincia destacando o seu paso pola Fonsagrada onde exerce como veterinario clínico e titular da Xunta. Nesta etapa forma a súa familia, casa con Mari Carmen e ten ao seu fillo Andrés.

Ramón Carballo ten unha gran experiencia na administración pública. O alcaldable do PP pertence ao  Corpo Superior da Xunta de Galicia dende o ano 1994 desempeñando dende aquela varios cargos de responsabilidade como Xefe dos servizos veterinarios oficiais de saúde pública da zona de Lugo, inspector técnico veterinario de saúde pública da comarca de Fonsagrada e de Lugo ou Xefe Territorial da Consellería de Medio rural en Lugo. Carballo tamén foi Sudelegado do Goberno en Lugo durante seis anos e, na actualidade, é Xefe Territorial da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

O candidato popular é un home coñecedor do Partido que iniciou a súa andaina na política cando tiña 28 anos como voceiro do PP en Pedrafita do Cebreiro, tamén foi concelleiro e voceiro da agrupación da Fonsagrada. Xa no ámbito autonómico foi deputado e presidente na comisión de pesca, asuntos europeos e ponente na de emigración.

Dende maio de 2017 asumiu a presidencia do Partido Popular de Lugo co apoio de 98,8% dos afiliados do municipio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar