Máis de 325 mil persoas visitaron este verán o Parque Nacional das Illas Atlánticas

Un total de 325.417 persoas visitaron entre xuño, xullo e agosto unha das catro illas que conforman o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Esta cifra preliminar foi aportada esta mañá pola directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, durante a rolda de prensa para presentar o balance de visitas ás illas do Parque Nacional, onde indicou que se trata de “cifras preliminares”, á espera do peche das bases de datos co fin da campaña no mes de setembro.

Tal e como explicou a directora xeral, o total de visitantes ás illas Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora tradúcese nun incremento dun 4,1%, respecto do ano anterior, cando se rexistraron un total de 312.420. A modo xeral, no conxunto das catro illas, agosto foi o mes no que se rexistrou un maior número de visitantes; mentres que nos meses de xuño e xullo incluso estivo por debaixo das cifras rexistradas o ano anterior ou con incrementos leves.

Destacou o número de visitantes no mes de agosto na Illa de Sálvora que experimentou un incremento dun 91%, ao pasar do 3.483 visitantes aos 6.654 en agosto de 2018. Outro dato que vén sendo habitual cada verán é que Cíes segue a ser a illa con maior afluencia do parque, con 205.168 visitantes, un 8,2% máis que en 2017.

Ana María Díaz detallou que do global de visitantes de Cíes un total de 144.419 accederon mediante o transporte en navieiras para visitas durante o día e 17.954 fixeron pernocta no camping; é dicir, mais de 160.000 persoas se adaptaron ao novo sistema de acceso implantado pola Xunta, e trasladou o agradecemento a todos os visitantes adaptarse aos trámites, porque grazas a esta dinámica a Xunta evitou os problemas detectados o verán pasado. Engadiu que en termos xerais o sistema de control funcionou axeitadamente, permitindo o correcto control da cota de acceso. Non obstante, a Xunta analizará as suxestións dos usuarios para facer cambios no deseño para facer se cabe máis intuitivo e navegable o proceso.

En canto á procedencia dos visitantes de Cíes, un 79% foron españois, fronte ao 21% estranxeiros. Dos visitantes españois, un 36% son galegos, sendo os pontevedreses -un total de 60.013-, seguidos polos coruñeses (16.146), ourensáns (4.425) e lucenses (3.125), os que máis visitan ás Cíes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar