Ourense promociona en Brasil e seu potencial termal

Ourense promocionará esta semana o seu potencial termal na 18ª Feira Internacional do Turismo Termal de Saúde e Benestar Termatalia 2018, que se desenvolverá desde o día 12 ao 14 de setembro en Foz do Iguaçu, Brasil. O concelleiro de Turismo e Termalismo, Jorge Pumar, que representará a Ourense no certame, manterá unha intensa axenda que incluirá encontros sobre auga e termalismo; xuntanzas con investidores e touroperadores; unha reunión de cidades termais e presentacións dos proxectos de xeotermia que se desenvolven na nosa cidade.

A feira ourensá será unha vez máis embaixadora internacional do potencial do termalismo na nosa cidade: tanto na súa vertente turística como Capital Termal de Galicia, coma no seu aproveitamento como motor económico de futuro. Así, Pumar achegará aos participantes en Termatalia as oportunidades que ofrecen as augas termais en Ourense para a obtención de enerxía xeotérmica, o desenvolvemento de proxectos de I+D+I e para a captación de investimentos que fortalezan o posicionamento da cidade no sector.

O concelleiro de Turismo e Termalismo, Jorge Pumar será o encargado de representar á cidade no acto de apertura do Encontro Internacional sobre auga e termalismo, que terá lugar o mércores 12 de setembro.

Será o primeiro punto dunha intensa axenda que continuará o xoves, 13, cunha xuntanza con empresarios e potenciais inversores aos que lles informará dos proxectos para a posta en valor e aproveitamento do potencial termal da cidade e nos que a iniciativa privada podería atopar interesantes posibilidades de investimento. Nesa mesma xornada, o concelleiro de Termalismo intervirá no acto de inauguración oficial da feira.

A xornada do venres, 14, dará paso a un Encontro sobre Políticas Públicas, no que o Pumar Tesouro presentará aos participantes o proxecto Xeoatlantic, que desenvolve o Concello para aproveitar as enormes potencialidades de Ourense no aproveitamento das súas augas termais para a obtención de enerxía.

Pola tarde terá lugar o Encontro de ciudades termais, no que Ourense presentará a súa oferta como destino turístico no marco da campaña: “Ourense, Capital Termal – Un Plan Perfecto”. O concelleiro de Termalismo aproveitará este encontró para informar sobre a próxima celebración da Asemblea da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA, polas súas siglas en inglés), que terá lugar en Ourense entre os días 3 e 5 de outubro.

A xornada rematará con encontros coa prensa internacional, entrevistas singularizadas con medios de comunicación dos países participantes, así como encontros B2B con touroperadores.

 

PROFESIONAIS DE 25 PAÍSES

 

A feira Termatalia celebrará esta 18ª edición entre os días 12 e 14 de setembro no Centro de Convenciones Maestra del Hotel Recanto Catarata, en Foz do Iguaçu (Brasil), onde está prevista a presenza de profesionais de máis de 25 países.

Co lema “A enerxía das augas”, esta edición apostará por fomentar o intercambio de experiencias entre distintos continentes, desde un punto de vista empresarial, institucional e social, para obter unha perspectiva global do sector. Entre os seus obxectivos tamén destacan a súa aposta por convertirse nun instrumento de cooperación público-privada, co fin de impulsar o mercado estratéxico do Turismo Termal e do Benestar; e contribuir a darlle visibilidade á cidade de Ourense ligada ao sector termal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar