Agora, a Garda Civil

 

A concentración de servizos nas capitais dos concellos e logo nas das provincias, sen dúbida mellorou  determinados procesos, pero acelerou a desertización do noso rural.

Primeiro foron os colexios, que hai medio século existían en todas as aldeas de Galicia, rexidas especialmente por mestras, aos que acudían todos os nenos da parroquia, desde os catro aos dezaseis anos, que ás veces chegaban ao medio cento, podendo cada profesor ou profesora con todos eles, que recibían un sen fin de coñecementos válidos para acceder ao ensino medio ou dar por rematados os estudos segundo a posibilidade de cada quen.

Pecharon as escolas das aldeas, concentráronse nas capitais dos concellos, e desapareceron os mestres rurais. Esborralláronse os edificios escolares ou no mellor dos casos cedéronse ás  asociacións de veciños, e o transporte escolar –con todas as súas ventaxas- acostumbrou aos nenos a ver con moi bos ollos a vida urbana.

Que na actualidade pechen algúns colexios de capital de concello non quere dicir que o proceso se invirta senón todo o contrario.

Pois agora lánzase o que agardemos sexa só un globo sonda, de que poden desaparecer os cuarteis da Garda Civil con menor dotación de axentes, especialmente no rural de Galicia, para conseguir concentración de efectivos en puntos comarcais determinados cunha dotación mínima de 22 axentes.

Certo que este tipo de concentracións, que xa se fixo na Educación, que se está a facer nas parroquias para mellor aproveitar o traballo dos cregos, pode causar unha revolución agardemos que pacífica nos concellos de menor poboación, que van quedar sen servizo directo aínda que a uns kilómetros de distancia haxa unha dotación comarcal con moitos máis medios técnicos e humanos.

A gran ventaxa da Garda Civil é a súa implantación no rural, o seu contacto directo coa xente, o coñecemento de todo o que ocorre na súa contorna, o papel que foi conseguindo prestixiar desde os rudos tempos da postguerra ata a profesionalización actual. Pechar os pequenos cuarteis do noso rural é dar unha coitelada mortal ao que queda do rural, e ben poden ir preparándose os concellos para loitar polos cuarteis se se presenta ocasión de que se lles declare a guerra.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar