Concerto de Capella Sancta María en Baiona, nova proposta de Espazos Sonoros

 A nova edición de Espazos Sonoros, o festival da Consellería de Cultura e Educación de músicas en espazos de interese cultural,  continúa o seu traxecto por Galicia para ofrecer propostas diferentes para un público amplo. Así, o sábado 7 de setembro, ás 20:30 horas, trasládase á igrexa de Santa María de Baiona, onde actuará o grupo Capella Sancta Maria, un dos conxuntos vocais profesionais europeos máis recoñecidos, especializado en música do Renacemento.

A directora artística do programa, Belén Bermenjo, destaca que esta formación, dirixida polo coruñés Enrique López-Cortón e con base en Ámsterdam, se caracteriza polo seu cadro internacional de cantantes consagrados de primeira liña. O concerto é unha viaxe no tempo ata a época na que se introduce o estilo franco-flamengo na península Ibérica, a través de Cristóbal de Morales. O título do concerto, Tristezas me matan, está tomado dunha canción anónima na que se basea unha das primeiras misas do sacerdote e mestre de capela andaluz, unha peza practicamente esquecida, que podería ter neste concerto a súa “reestrea” en tempos modernos. Xunto con pezas de Morales, serán interpretadas obras do seu mestre Josquin de Prés e do seu coetáneo Nicolas Gombert.

Capella Sancta Maria ofrece “un son cálido e, ao tempo, apaixonado nas súas interpretacións”, para lles dar vida a unhas músicas afastadas no tempo, pero próximas “na sensibilidade e serenidade que transmiten”. A igrexa de Santa María de Baiona, de estilo cisterciense, empezouse a construír no século XIII e foi colexiata entre os séculos XV e XIX. A súa beleza e a acústica do templo fan dela un lugar único para gozar desta nova proposta de Espazos Sonoros.

Xornada literaria arredor de Otero Pedrayo

Tras o seu paso pola illa de Sálvora e O Grove na xornada inaugural e, o pasado domingo, polo campamento romano da Ciadella, onde actuou o grupo Sax Antiqua, Espazos Sonoros prepara xa a xornada do día 15, unha oferta literaria e de lecer arredor da figura de Otero Pedrayo. A cita vai ser no que fora o fogar do escritor, a Casa Grande de Trasalba, en Amoeiro (Ourense) e para o roteiro literario, que require inscrición previa, non quedan xa prazas dispoñibles. A música correrá a cargo do M.Sancho Quartet e para o concerto a entrada é libre ata completar a capacidade.

A programación completa da undécima edición de Espazos Sonoros pode consultarse en www.espazossonoros.org e en www.cultura.gal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar