Demócratas…?

Alá mediados dos anos setenta eu vinme nun problema: “Tiña cara de bo rapaz”. Así o decretara a Policía deixándome en liberdade logo de determe ao saír dunha clase de Tierno Galván na universidade Complutense de Madrid

Se para a Policía “tiña cara de bo rapaz” non había que darlle máis voltas: os meus camaradas decidiron que non había outro mellor para colocar os carteis reivindicativos en tres facultades, Camiños, Minas e… Dereito.

Sabiamos que a Policía che podía botar a man e deterte. Deterte mesmo collendo as túas pegadas dixitais.

Pero o peor non era a Policía, senón os grupos de ultras, maiormente Guerrilleiros de Cristo Rey e membros de Fuerza Nueva ou de Falange, que de todo había, que aparecían con paus e pistolas para arrancarche os carteis que confeccionaramos toda unha noite sen durmir.

E nesas facultades era onde máis actuaban. Máis dunha vez demos escapado sen que nos mallaran e, algunha máis, só cun pau nas costas e o cenzo a facer tafetafe ao ameazarte coas pistolas. En Dereito non tiñas quen te acudira.

No bar Manolo de Argüelles, os Guerrilleiros de Cristo Rey tamén me arrancaron a punta de pistola a bandeira patriótica galega que eu lucía fachendoso na miña lapela, pregoando a miña condición de galego e demócrata polos madriles adiante.

De moitos daqueles “ultras” aín-da me lembro hoxe. Uns irmáns dos que actuaban en Dereito pertencían a unha coñecida familia galega, hoxe altos cargos no PP. Outro chegou a presidente dun club de fútbol e outro máis anda de caporal da Liga.

Daquelas a ningún demócrata se lle ocorrería defender que a retirada daqueles carteis reivindicativos, reclamando por exemplo “amnistía e liberdade” ou “Non a Xove Nuclear” (o día que máis me zoscaron), fose un acto de liberda-de de expresión.

Non o era daquela, nin o é hoxe. Eliminar o libremente expresado por outra persoas non é liberdade de expresión. Aínda que o diga u­nha fiscal. Aínda que o digan os “novos demócratas”.

Agora Rivera chámalle “brigadas de limpeza”. E Casado afirmando que a Diada é unha “celebración xenófoba”… Desde o 8 de setembro ao 12 de decembro do ano pasado, houbo 139 incidentes con 101 vítimas en Cataluña por defender na rúa o soberanismo.

“Demócratas” que actúan coma no franquismo e pretenden seguir convivindo cos símbolos predemocráticos. Porque, como escribiu o sociólogo Jaime Miquel, “Franco morreu no poder e despois de 40 anos a nova autoridade democrática xamais condenou o franquismo (…) Non queríamos ser europeos? Pois imos alá: as ditaduras non forman parte dos valores da UE e hai que condenalas. As rebelións sen armas tampouco existen en España”.

Eu pregúntome, como o amigo Turnes, se se pode ser franquista e demócrata.

 

 

Afonso Eiré é xornalita e colaborador habitual de “El Correo Gallego”

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar