Traballos e festas

 

Un dos poetas aos que Alonso Montero chama “Alófonos”, por ser de fóra pero escribiron en galego, foi o inglés Gerald Denley, que morreu hai anos en Galicia atropellado por un automóvil, que nun poema falaba dun pequeno bosque de pinos de Valdoviño que fóra talado e no seu lugar nacera a urbanización “O piñeiral”. Ao mellor ese é o destino de moitos costumes ou labores da nosa terra: ser lembrados cunha placa ou cunha festa.

Á medida que o noso rural se foi despoboando, desapareceron traballos ou procesos seculares que hoxe son só lembranza dos máis vellos, e que hai que divulgar aos galegos de hoxe como se formasen parte dun parque temático.

Hai anos que o colectivo lucense “María Castaña”, montou o proceso do liño para que non se esquecese, traballando a terra, sementando, colleitando, ripando, fiando… de xeito que reproducían un proceso que había anos que deixara de funcionar.

Na primeira metade do século XX, co excedente de persoas no agro lucense e galego, non só se podía atender á sega propia, que daquela todas as casas sementaban trigo ou centeo para a xente, e avea para os animais, tanto para consumo familiar como para vender os excedentes, senón que para lograr unha aportación económica sempre necesaria para a vida familiar, ían cuadrillas de segadores a Castela, que en Lugo se concentraban preto da porta de San Pedro para facer xuntos a longa viaxe. Pois isto é xa lonxana historia, e agora para saber ó que era unha sega hai que sementar o trigo en plan comunal como fixeron este ano en Castro de Rei, para facer tamén sega colectiva, uns para lembrar e outros para coñecer como era o ciclo do pan na nosa terra.

Xa non digamos para coñecer o que era unha malla tradicional, que agora os que posúen maquinaria usada nas antigas mallas, organizan nos lugares aos que lles interesa celebrala, unha festa da malla para lembrar o que xa non existe.

Os vendavais da historia barreron traballos, costumes, crenzas, xeitos de vivir… Se non fose polos medios de comunicación e as festas de recuperación destes costumes, estaríamos dudando que  aquel xeito de vivir algunha vez nos pertenceu, e que nós formamos parte dun país onde o agrario era o xeito e a razón de vivir, e o brazo humano era a mellor máquina.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar