A Consellería de Cultura convoca para o 26 de outubro a primeira xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, programa a I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, que, baixo o lema As bibliotecas públicas do futuro: as bibliotecas en proceso de cambio, se  celebrará o venres 26 de outubro no auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura. O director técnico da Biblioteca Nacional de España (BNE), José Luis Bueren Gómez-Acebo, será o encargado de pronunciar a conferencia inaugural e o encontro, que contará coa participación de expertos de recoñecido prestixio no ámbito bibliotecario e coa presentación de experiencias innovadoras e boas prácticas para compartir cos profesionais asistentes.

A xornada, organizada pola Subdirección Xeral de Bibliotecas, está dirixida a profesionais bibliotecarios de toda a comunidade e o prazo de inscrición estará aberto do 17 ao 30 de setembro na web http://rbgalicia.xunta.gal. O obxectivo da iniciativa é crear un espazo de encontro entre os profesionais que desenvolven o seu traballo diario nas bibliotecas públicas de Galicia.

 

Espazo de reflexión e aprendizaxe

 

Con este encontro, a Secretaría Xeral de Cultura favorece a reflexión sobre os retos de futuro que se presentan no ámbito bibliotecario, ao tempo que se dan a coñecer os principais recursos e proxectos que se están a desenvolver para afrontalos. Así mesmo, quérese potenciar a función social das bibliotecas públicas e poñer de manifesto a súa necesidade de adaptarse aos cambios de hábitos dos novos usuarios e usuarias.

 

A primeira edición da xornada vaise centrar nas bibliotecas como espazos abertos á comunidade, acolledores e sociais, que provén de servizos innovadores e facilitan tamén a innovación dixital. A xornada está enfocada á participación activa dos seus protagonistas, a través de comunicacións, debates, obradoiros e tamén compartindo unha experiencia real de innovación e traballo coa comunidade, a da biblioteca de Muskiz, en Bizkaia, pioneira no uso das novas tecnoloxías e comprometida coa memoria histórica do seu pobo. O seu bibliotecario, Fernando Juárez Urquijo, será o encargado de debullar polo miúdo as actividades.

 

Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia

 

A Secretaría Xeral de Cultura vai convocar, ademais, durante este mes de setembro a primeira edición do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, co que pretende recoñecer o labor das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais de Galicia que leven a cabo proxectos e boas prácticas innovadores, de utilidade para as persoas usuarias, sostibles no tempo e achegados ao contexto local no que se insiren.

 

Trátase, pois, de promover e poñer en valor os cambios substanciais que se están a desenvolver nas bibliotecas públicas co fin de satisfacer as necesidades dos seus usuarios e usuarias. O galardón estará dotado cun único premio de 3.000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora, e será entregado no marco da I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar