Tellado: “O PSOE castiga a Galicia porque non lle vota e sabe que son un desastre”

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado participou este domingo na XIV Xuntanza Popular de Mos, que congregou a máis de 800 afiliados e simpatizantes da organización. Durante a súa intervención, lembrou que “o Partido Popular é a única garantía de estabilidade política, de crecemento económico, de xestión responsable dos servizos públicos, do mantemento do noso sistema de pensións ou de defensa da unidade do noso país”. No mesmo sentido, apuntou que é esta organización a que consegue que Galicia medre máis e cree máis emprego cá media española.

Así, o número dous do PPdeG erixiu á formación en “única alternativa viable” aos partidos da esquerda. Neste sentido, afeoulle aos socialistas que “din unha cousa na oposición e fan a contraria no goberno” e que “queren castigar a Galicia porque os galegos non os votamos, e non os votamos porque sabemos que son un desastre para o país”. Tellado argumentou esta afirmación coa listaxe de “agravios e desprezos” cometidos coa nosa terra nos tres meses de goberno Sánchez: o anuncio do posible retraso da chegada do AVE a Galicia, a retirada dos 200 millóns de euros procedentes da recadación do IVE, ou a negativa a recibir o mesmo trato nos nosos Portos cá no de Valencia. “Os socialistas o único que fixeron foi multiplicar o número de ministros e de altos cargos e usar o avión oficial ata para ir a concertos. Queren facer unha campaña electoral de dous anos e que llela paguemos todos os españois”, insistiu.

 

 

“O BNG COPIA UN MODELO DE CONFRONTACIÓN SOCIAL”

 

Tellado tamén presentou aos populares como a única forza que é capaz de dar un proxecto de futuro fronte aos populistas e aos nacionalistas galegos. Con respecto aos primeiros, lamentou que “os que dixeron que viñan a limpar a política agora só se dedican a enchufar a amigos e a repartir diñeiro público entre empresas de membros do partido”. “Querían cambialo todo, e cambiárono. Pero cambiárono para non facer nada, ou para deixalo todo peor do que estaba”, apostillou.

En canto aos nacionalistas do BNG, subliñou que o seu único proxecto político é o de copiar punto por punto aos independentistas cataláns. “Queren copiar o seu modelo de confrontación social, de crispación, de repartir carnés de bos e malos cidadáns; o seu modelo de fuga de empresas, de perda de empregos e de caída da economía; e o seu modelo de inestabilidade política e de perda de prestixio internacional”

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar