Homenaxe a Darío Villanueva

En Vilalba, no Parador de Turismo, o Museo arqueolóxico de Vilalba ven de render homenaxe ao Director da Real Academia Española da Lingua, o vilalbés Darío Villanueva Prieto.

A efectos de identificación vilalbesa, a primeira vez que oín falar de Darío Villanueva, indicáronme que era neto do señor Darío da louza, que tiña comercio na rúa onde estaba a Academia Santa María, e onde na actualidade conserva parte da súa Biblioteca, xa que a que herdara por parte de súa nai cedeulla ao concello, que lle ten dedicada unha sala no edificio da Casa da Cultura.

Darío Villanueva, vilalbés da colleita de 1950, é doutor en Filoloxía románica, Catedrático de Teoría da Literatura e Literatura comparada en Compostela, tendo sido decano daquela facultade de 1987 a 1990, e Rector da Universidade de 1994 a 2002. Foi elixido membro da Real Academia en 2007, Secretario o 2010, e Director en 2014. É membro correspondente das Academias de Arxentina, Uruguay, Cuba e Honduras, e Doutor Honoris Causa de 12 Universidades de E.E.U.U., Arxentina, Perú, Reino Unido, Suecia, Nicaragua, Ecuador, Honduras e España.

Pero con ser inmenso o seu prestixio e o seu traballo investigador e difusor, recibiu homenaxe en Vilalba, na súa terra, polo vencello e entrega á causa vilalbesa.

Sempre presente en momentos destacados do acontecer de Vilalba, hai que lembrar que foi Mantedor do Certame Literario e Pregoeiro das festas de San Ramón e Santa María o ano 1997, e desde 2004 é membro do xurado do anual Certame do Concello de Vilalba, non só o mellor dotado de Galicia para un libro de poesía, senón tamén o Certame literario galego máis antigo, na actualidade con 43 anos de existencia (44 edicións), desde o mesmo ano 1975 que comezou a etapa democrática en España.

O Museo arqueolóxico vilalbés, teima e logro de José Ramil Soneira, dirixido por Eduardo Ramil Rego, prestixiosa institución que reflicte a prehistoria da Terra Chá, estase a achegar á ciencia, a investigación e á cultura para honrar a vilalbeses de prestixio, tendo comezado por Dario Villanueva Prieto. Polo acto que en Vilalba se celebrou, merece noraboa á institución promotora da idea, e felicitación sincera, por vilalbés e por amigo, porque se honra a quen tanto o merece: ao vilalbés Darío Villanueva Prieto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar