A Vilalba, en agosto

Agosto é o mes do ano en que máis vou a Vilalba, cun total de catro veces, das que antonte foi a primeira, que me enchen de ledicia por poder reencontrarme coa terra nos momentos de maior esplendor de feitos e de clima.

A primeira correspondeu á participación no xurado do Certame literario do Concello vilalbés, na súa XLIV edición, na que resultou premiado o poeta de vinteseis anos de idade Aleixandre Lago Barcala, polo poemario presentado co lema “Verme branco”, que o xurado por unanimidade considerou o mellor dos 58 presentados a este certame, o máis antigo de Galicia, e o mellor dotado económicamente, con 7.000€ en metálico, tendo por riba a publicación do libro, considerada por moitos autores aínda máis importante ca a dotación ecónimca.

Magoa que logo non puiden participar na presentación do libro premiado o pasado ano –Antídoto, de Emma Pedreira, editado por Alvarellos en galego e castelán para maior difusión do premio- porque á mesma hora tiña que estar participando noutro acto cultural na Fonsagrada.

A segunda visita vai ser este venres, pois a Asociación Xuntanza Terra Chá, presidida por tres vilalbeses residentes en Madrid, celebra a súa anual homenaxe a chairegos destacados, neste caso aos representantes dos concellos que oficialmente conforman a Terra Chá, nun acto no Parador, á unha da tarde.

A terceira, o día 29, será a xuntanza anual no Restaurante Montero dos antigos alumnos da Academia Santa María –ex académicos nos chamamos- na súa décima reunión, para congratularnos por vernos e lembrar aqueles anos –hai xa máis de médio século- de estudo e de ledicia, á que ata mañán aínda poden inscribirse os interesados, aos que desde aquí animo a facelo.

E a cuarta, o día trinta, comezo das festas, para presentar o acto do Pregón a cargo de Marta Felpeto, e da clausura do Certame Literario de Vilalba, no Auditorio, ao que habitualmente acoden arredor de medio milleiro de vilalbeses.

E para rematar, pido perdón por falar de cousas que parecen miñas, que son miñas, pero que teñen unha especial transcendencia cultural e social para Vilalba e os vilalbeses, nas que me satisface e me honra participar, e sempre agradecerei.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar