O Camiño portugués a Santiago multiplica por cinco o número de peregrinos

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañados polo alcalde de Baiona, Ángel Rodal Almuíña, realizaron unha andaina polo Camiño Portugués da Costa promovida por este concello pontevedrés coa que conmemoraron o segundo aniversario do recoñecemento oficial desde itinerario xacobeo, que se fixo efectivo coa entrada en vigor da Lei do patrimonio cultural de Galicia en agosto do ano 2016.

Desde que o Camiño Portugués da Costa acadara esta distinción, o número de peregrinos que o percorreron multiplicouse por cinco, ao pasar de 1.474 persoas en 2015 as preto de 8.000 que o realizaron xa neste 2018. Dáse así a circunstancia de que en só oito meses se teña xa superado o volume de todo o ano 2017, o que amosa, como sinalou a responsable de Turismo do Goberno galego, a vitalidade desta ruta xacobea e o interese que esperta nos camiñantes que peregrinan desde o sur da Comunidade. Na actualidade, é o sexto itinerario máis percorrido e concentra o 3,7% dos camiñantes, fronte ao 0,56% de hai tres anos.

Esta evolución está a ser acompañada polo Plan director do Camiño de Santiago, que lidera a Xunta e que en 2018 centra os seus investimentos no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa, seguindo o calendario previsto para as diferentes rutas que contan co recoñecemento oficial co obxectivo é que estean nun estado óptimo no Xacobeo 2021.

 

Entre as medidas do Plan director inclúese o proxecto de sinalización e mellora do Camiño Portugués da Costa ou o futuro albergue de Vigo e actividades divulgativas e culturais como a exposición De mar a mar, actualmente na cidade lusa de Coimbra, e o programa de artes escénicas Vive o Camiño, que nos vindeiros días ten programadas paradas en Redondela (hoxe, 21 de agosto), Soutomaior (mércores 22), Vilaboa (xoves 23), Pontevedra (luns 27), Barro (martes 28), Caldas de Reis (mércores 29) ou Tui (xoves 30), entre outros.

Así mesmo, a Xunta traballa na xestión do Camiño de Santiago a través de iniciativas como o proxecto europeo Fazer Caminho, que aspira a consolidalo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e impulsar o seu aproveitamento sustentable como un recurso cultural e natural transfronteirizo capaz de xerar actividades que contribúan ao seu desenvolvemento.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar