Ourense:A Alameda do Cruceiro sométese a remodelación

 

 

A Alameda do Cruceiro xa é unha realidade como primeiro parque inclusivo de Galicia. O investimento de case medio millón de euros (459.619,11 €, IVE incluído) cofinanciados polo Concello e a Deputación de Ourense permitiu remodelar este céntrico espazo, que se atopaba degradado e poñelo en valor para desfrute de persoas de todas as idades. As obras forman parte do Plan de Investimentos aprobado polo Concello cos votos favorables do goberno municipal e o grupo municipal do PSdeG-PSOE. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o presidente da Deputación, José Manuel Baltar e o portavoz do PSdeG-PSOE no Concello, José Ángel Vázquez Barquero visitaron esta mañá as obras, que desde hoxe están a disposición da cidadanía.

 

 

“Quixera resaltar a colaboración fundamental do partido socialista, porque esto é froito dun plan de obras, pero tamén a colaboración da Deputación para que este proxecto saíra adiante despois de nove anos e tras o paso de varios alcaldes polo Concello”, dixo Jesús Vázquez.

Neste sentido incidiu en que “a colaboración é básica para sacar adiante proxectos que interesan á cidadanía. Non só colaboración entre distintos grupos políticos, senón tamén entre administracións”.

“As obras supoñen a rehabilitación dunha zona que estaba degradada no centro da cidade”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. “Agora pódese gozar dunha zona común para o lecer e o esparexemento de pequenos e maiores”, sinalaba na visita ás obras, ao tempo que agradecía a colaboración institucional -a obra está incluída no Plan de Obras da Deputación de Ourense- como política -os votos do PSOE serviron para aprobar dito plan-.

O parque conta con xogos para nenos de todas as idades, unha tirolina dobre que é a segunda máis longa de Galicia, xogos con cordas, de actividade acuática con chorros, canóns e arcos de auga e unha zona de xogos tradicionais: o truco, o trompo, un circuíto das chapas e mesmo os xices para pintar no chan.

O proxecto buscou a oportunidade de abrir o espazo a dúas rúas, Concello e Cruceiro, eliminando barreiras físicas, mellorando a accesibilidade mediante a demolición de peches, así como un achegamento a un espazo que quedou confinado por unha notable diferenza de altura: o da Rúa Progreso. Tamén eran obxectivo deste proxecto a eliminación de todas as barreiras arquitectónicas existentes e a eficiencia enerxética, incorporando equipos de calidade contrastada e grande rendemento.

O proxecto tentou potenciar as entradas pasando dunha soa entrada accesible a dúas, ambas desde a rúa Concello. Unha vez dentro atopámonos cun paseo perimetral que enmarca no seu interior catro zonas de esparexemento totalmente diferentes pero algunhas delas moi vinculadas.

Na parte superior do parque está emprazada a área de xogos para nenos de cero a seis anos, que se amplía e incorpora xogos con accesibilidade para cadeira de rodas.

Tirolina dobre e espazo acuático

Tamén na parte superior, en sentido descendente, instalouse unha tirolina dobre con chan de pradería e delimitado por dúas aliñacións de árbores que nun futuro darán unha imaxinaria sensación forestal moi atractiva. Na parte inferior desta zona, un espazo de xogos con cordas para acoller ata 8 nenos sentados ou ben de pé.

Hai tamén espazo para xogos de actividade acuática para nenos desde 0 a 12 anos no que entren a xogar en espazo dotado de chorros, canóns e arcos de auga. Para eles prevese un espazo de 162 metros cadrados no que xogar coa auga, mesmo aqueles con mobilidade reducida, xa que non existen bordos, nin pendentes nin obstáculos de ningún tipo.

A auga reutilizarase nun ciclo pechado, e o resto do ano será unha fonte nocturna cun equipamento de iluminación artística en convivencia coa auga achegando cor e relax visual e auditivo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar