A Xunta promove o Camiño Portugués en Coimbra cunha exposición

A Xunta de Galicia está a celebrar ao longo deste 2018 o Ano do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa, tal e como establece o Plan director do Camiño de Santiago. Neste marco, ao longo de todo o mes de agosto, o Goberno autonómico vén promovendo estes itinerarios no país veciño a través da exposición fotográfica en 3D De mar a mar que pode verse na cidade lusa de Coimbra.

A mostra xa pasou nos meses previos pola cidade de Pontevedra ou Padrón, nun percorrido programado con motivo desta celebración. Os visitantes poden gozar dunha recompilación de fotografías en tres dimensións e de gran formato realizadas coa técnica estereográfica.

As imaxes en De mar a mar retratan o patrimonio, as paisaxes e aos propios peregrinos tanto do Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa como do Camiño Inglés e do de Fisterra e Muxía, as catro rutas nas que está presente esta mostra itinerante e ás que o Plan director do Camiño de Santiago dedica os principais investimentos dos dous últimos anos.

A exposición enmárcase nas accións de dinamización levadas a cabo en localidades do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa. En 2018, a Xunta está a centrar os seus esforzos en ambos itinerarios con actuacións de acondicionamento e sinalización e con accións divulgativas e culturais, como esta mostra que pode visitarse no Museo Nacional de Machado de Castro ata o 2 de setembro de martes a domingo de 10,00 a 18,00 horas.

 

Crecemento e alianza con Portugal

O Camiño Portugués é na actualidade o segundo itinerario preferido polos peregrinos dun xeito destacado. No que vai de ano, percorrérono arredor de 43.000 persoas, o que supón un 11% máis que hai uno. Recibe así preto do 21% dos camiñantes das rutas xacobeas.

A Xunta traballa na súa mellora e xestión a través de iniciativas como o proxecto europeo Fazer Caminho, que aspira a consolidar o Camiño de Santiago na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e impulsar o seu aproveitamento sustentable como un recurso cultural e natural transfronteirizo capaz de xerar actividades que contribúan ao seu desenvolvemento.

Búscase así protexer e valorizar este importante patrimonio como sinal de identidade, o que leva aparellado o fomento da cooperación na súa protección e promoción, entre outros fins. No marco do proxecto Fazer Caminho aspírase á mellora das condicións para a xestión conxunta e a afluencia do Camiño de Santiago, ao incremento e mellora do coñecemento sobre o mesmo ou a unha maior implicación da poboación local na súa conservación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar