O alcalde de Ourense calcula un aforro de 800 mil euros anuais de enerxía eléctrica

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, confirma que o aforro de entorno a 800.000 euros anuais que vai supor o novo contrato da luz  do Concello “permitirá impulsar  os  programas de atención social, a creación de emprego ou proxectos teñan por obxectivo mellorar a situación dos ourensáns que afrontan maiores dificultades no seu día a día”.

Así o dixo despois de informar de que a Xunta de Goberno Local aprobou  o novo contrato de subministración eléctrica do Concello de Ourense, que supón “unha significativa redución dos gastos do Concello que, está previsto que se destinen a usos sociais”.

Na actualidade, o Concello viña pagando máis de 3,5 millóns de euros anuais pola subministración eléctrica. O novo contrato reduce esa cifra a 2.960.621,72 euros anuais, o que suporá un aforro anual entorno aos 800.000 euros que “se destinarán a área de Asuntos Sociais, a proxectos que faciliten o acceso ao mercado laboral, así como a inversións que melloren a nosa cidade”, sinala o rexedor.

“Este aforro vainos permitir seguir avanzando no noso compromiso porque este sexa o mandato máis social da historia da nosa cidade, dando resposta ás demandas da sociedade ourensá e especialmente dos sectores máis desfavorecidos ou en risco de exclusión social”, dixo Vázquez.

No obxectivo por atender ás necesidades transmitidas polos cidadáns, neste mandato o Concello impulsou grandes proxectos como: o Centro CAPD, que ven de abrir o prazo do concurso de ideas para o seu deseño; o Centro Interxeracional impulsado pola Fundación Amancio Ortega; ou a nova residencia para maiores de Ourense, para  a que recentemente se cederon máis de 7.800 metros cadrados á Consellería de Política Social.

O novo contrato eléctrico do Concello de Ourense realizouse en catro lotes, segundo a potencia a cubrir polas compañías eléctricas. O lote 1 é adxudicado a Watio Wholesale S.L. por un importe total de 1.029.510,29 € (impostos engadidos), e os lotes 2, 3 e 4 son para Aura Energía, S.L., por importes de 451.458,45 € (o lote 2), 638.993,59 € (o lote 3) e 570.659,36 € (o lote 4). O prezo total de adxudicación dos 4 lotes é 2.690.621,72 euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar