Ampla programación do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro

O Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro leva a cabo durante o verán unha ampla programación de actividades para todos os públicos. O seu obxectivo é poñer en valor a súa área arqueolóxica, de 22 hectáreas. Trátase de dar a coñecer a arte rupestre galega na súa contorna paisaxística e ambiental, cun percorrido de tres quilómetros que permite conxugar o patrimonio cultural coa paisaxe.

O PAAR de Campo Lameiro conta dun espazo expositivo, no que se explican as claves para entender os petróglifos de Galicia de xeito lúdico e didáctico. Na área arqueolóxica anexa pódense ver as principais temáticas presentes na arte rupestre galega. A recreación do poboado da Idade de Bronce é o terceiro piar do parque e permite entender a vida cotiá nesa época, levando aos visitantes nunha viaxe ao pasado.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de lanzar un vídeo para difundir o parque e as actividades que nel se realizan. As visitas libres e guiadas e os obradoiros e outras actividades facilitan a comprensión dos visitantes do modo de vida en Galicia hai 4.000 anos. A estas iniciativas súmanse no verán as visitas guiadas ao atardecer, á noite e teatralizadas. O vídeo está dispoñible na web de cultura https://www.cultura.gal/gl/videos e na canle de YouTube https://youtu.be/9OQymMftgIw.

Visitas guiadas e teatralizadas

Mañá, mércores 15, terá lugar a última das visitas teatralizadas O retorno. Ás 19:30 horas e dirixida a un público xeral e familiar é unha actividade de balde coa entrada ao parque. As compañías teatrais Os Quinquilláns e Volta e Dállle Teatro ofrecen unha aproximación diferente aos petróglifos, nun percorrido no que se combinan o humor co rigor na transmisión da información científica.

O venres 17, ás 22:00 horas terá lugar unha visita nocturna ao PAAR. Baixo o título Noitepedras: mitos, maxia e relixión, esta actividade, que chega á súa cuarta edición, permite unha experiencia única, moi demandada polo público. Poderase realizar tamén os días 24 e 31 de agosto.

O sábado 18, ás 19:30 horas, ofrécese unha visita guiada moi especial, Atardecer no parque. A luz entre lusco e fusco é a mellor para observar os petróglifos do PAAR, por iso é o momento escollido para esta actividade que fai fincapé en elementos da arte rupestre presentes no parque que se atopan fóra do itinerario principal, como o petróglifo de Chan da Isca, ou o misterioso petróglifo de Pedra Furada. Aínda haberá outra oportunidade para asistir a esta actividade, o día 25 de agosto.

Os sábados e domingos deste mes celébranse obradoiros familiares para todos os visitantes que desexen complementar a súa visita ao parque aprendendo técnicas de cerámica, pintura, lume ou caza, entre outros, das persoas da Prehistoria. Máis información e inscricións na páxina do PAAR de Campo Lameiro: http://www.paar.es/?lang=gl.

Visitas escolares no inverno

De febreiro a xuño, os escolares son os visitantes máis numerosos do PAAR de Campo Lameiro. A renovación anual do programa didáctico e as accións de promoción específicas para este público, fan que a orixe dos colexios que chegan ao parque sexa cada vez máis diverso, coas catro provincias de Galicia representadas con asiduidade, así como algúns centros de fóra. Os estudantes dos centros que visitan o parque reciben un carné que acredita o seu coñecemento sobre arte rupestre e o seu compromiso coa súa protección e divulgación. Este documento sérvelles para visitar o centro de balde durante o ano 2018, todas as veces que o desexen.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar