A cidade de Ourense reduciu o seu número de parados nun 25% nos últimos catro anos

 

O número de parados na cidade de Ourense reduciuse preto dun 25% nos últimos catro anos, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa do Instituto Nacional de Estatística (INE). No segundo trimestre de 2014 había 10.293 parados, catro anos máis tarde esa cifra baixou até as 7.837 persoas. A baixada aínda foi maior entre a poboación menor de 25 anos. 

Para o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, as cifras “veñen confirmar que as políticas activas de emprego levadas a cabo polo Concello con proxectos innovadores están a dar os froitos esperados” e que “debemos seguir dinamizando o tecido socioeconómico da cidade con proxectos pioneiros”.

O concelleiro destaca o éxito que están a ter as tres edicións do programa “Lanzadeira de emprego”; das actividades de coworking no Centro de Coñecemento de La Molinera, grazas a cooperación da Diputación e a Escola de Organización Industrial (EOI); así coma dos obradoiros e plans integrais de emprego para os colectivos máis desfavorecidos postos en marcha en colaboración coa Xunta de Galicia.

Pumar resalta a especial sensibilidade do Grupo de Goberno pola integración laboral dos colectivos de maior dificultade de inserción laboral; así como a aposta por apoiar o autoemprego a través da formación das persoas interesadas en crear a súa propia empresa. 

As cifras do INE manexadas por Promoción Económica reflicten que o pasado mes de xuño en Ourense había inscritos 7.837 parados. Son os mellores números relativos ao segundo trimestre de ano entre os anos 2014 e 2018. Así, en xuño de 2014 contabilizábanse na nosa cidade un total de 10.293 parados. Catro anos máis tarde este número reduciuse en 2.456 persoas, o que supón unha caída da taxa de desemprego dun 23,86%.

No último ano, e sempre facendo referencia aos datos do o segundo trimestre de ano, o número de parados na nosa cidade descendeu un 6,41% (un total de 537 persoas). Un ano antes, a caída do paro fora do 3,26% (283 persoas) en relación co 2016.

Os datos tamén confirman que o descenso do paro foi máis acusado no sector de poboación menor de 25 anos. Entre o segundo trimestre de 2014 e o deste ano, o número de menores de 25 anos en paro reduciuse nun 34,6%.

Se hai catro anos representaban o 6,89% do total de desempregados da nosa cidade(710 persoas), hoxe en día a porcentaxe baixou case que un punto, até o 5,92% (464).

Estes datos atópanse moi por debaixo das cifras a nivel nacional, onde a media do paro xuvenil no segundo trimestre de 2018 representa o 34,7% do total, tal e como revelan os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA).

As cifras tamén confirman que a porcentaxe de poboación en paro na nosa cidade reduciuse en máis de dous puntos nos últimos catro anos. Así, no ano 2014 representaba o 9,67% do total de habitantes da cidade. Hoxe en día, o número de parados son o 7,39% do total de cidadáns.

 

Por último, os datos facilitados polo departamento de Promoción Económica tamén confirman que os meses de xuño, xullo e agosto son os que concentran a maior creación de empregos.

 

Así, neste ano o mes de xuño supuxo unha caída do 1,26% do número de inscritos no paro en Ourense (100 persoas). No 2017 este mesmo mes rematou cun descenso do 3,44% (298 persoas) e, en 2017, un 7,77% menos (729 persoas).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar