A Deputación de Ourense organiza un concerto de “Luar na Lubre” en Esgos

A Deputación de Ourense organiza un concerto do grupo de folk Luar na Lubre que actuará con máis de 60 artistas convidados, o día 19 de agosto na Finca da Casa Reitoral de Esgos, onde tamén haberá espazo para a artesanía, os xogos tradicionais, a olería e a gastronomía. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar hoxe na praza da Souteira en Esgos, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez; e o líder do grupo musical, Bieito Romero.

O presidente do goberno provincial dixo que neste mes de agosto “viviremos o acontecemento musical máis importante da nosa historia porque imos ter en Esgos ao grupo de música celta desde Galicia, de folk internacional, máis potente, cunha traxectoria exitosa de 32 anos”. Así mesmo, Baltar lembrou que a última produción de Luar na Lubre foi gravada en San Pedro de Rocas “onde gravaron non só cancións senón tamén sons tradicionais que nos lembran moitas cuestións vencelladas ao noso imaxinario colectivo e á nosa vida anterior, centrándose na Ribeira Sacra, pola que estamos a traballar para que a UNESCO a declare Patrimonio Mundial”.

Asemade, Manuel Baltar agradeceu ao grupo musical que “estivera un tempo entre nós, para sacar a nosa esencia e trasladala a un vehículo de comunicación tan importante como é a música e que ademais veña en agosto a cantárnola en directo”.

Pola súa parte, o alcalde de Esgos adiantou que iniciará un expediente de honores para nomear a Bieito Romero “fillo adoptivo do concello”, anuncio que o protagonista recibiu con “moita emoción por sentir ese recoñecemento.

O líder de Luar na Lubre explicou que o último traballo do grupo “Ribeira Sacra” está case todo centrado na provincia de Ourense e, concretamente, “en toda esa área que a min me toca emocionalmente: Esgos e Xunqueira, onde teño as miñas raíces”. Esta última produción está formada –tal e como explicou Bieito Romero- por 21 cancións, “das cales catorce son música e as outras son sons da nosa terra que marcan unha identidade”. Asemade, o líder do grupo musical destacou que ata o día de hoxe “máis de 30.000 persoas estiveron escoitando a nosa música e coñecendo a través dela a Ribeira Sacra, porque somos capaces de transmitirlle a nosa emoción á xente”.

A xira musical de Luar na Lubre continuará nos máis de 40 concertos que levarán a “Ribeira Sacra” por diferentes cidades españolas, pero tamén chegará a Montevideo, Chile, Bos Aires, entre outros lugares que acollerán a súa música. E, dentro desa xira internacional, o grupo de folk terá unha cita o día 19 de agosto en Esgos, na que participarán “máis de 60 artistas convidados como a Coral de Ruada, cerne fundamental para entender a música galega, Félix e Castor Castro, Ses, Nani García, Bieito Romero, Óscar Rosende, Irene Cerqueiro”, entre outros músicos que compartirán escenario co grupo de música folk.

A presentación deste evento cultural rematou coa interpretación da obra “Se queres” dedicada ao carro do país, da man dos integrantes de Luar na Lubre.

O grupo Luar na Lubre, creado en 1986, tense convertido co paso dos anos nunha formación de referencia da música folk galega, dedicando especial atención ao estudo dos cancioneiros galegos así como ao traballo de campo que lle proporciona un fondo coñecemento sobre a realidade musical galega que tamén se revela determinante nas composicións propias.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar