Ourense:O claustro de San Francisco rexistrou preto de duas mil visitas de 26 paises

O claustro gótico de San Francisco recibiu, durante os meses de maio, xuño e xullo, un total de 1.954 visitantes. Na súa maioría proceden de diferentes puntos de España, seguidos dos que o visitan desde Galicia e mesmo da nosa propia cidade (o 17% dos totais). Na suma total, ademais dos nacionais, hai rexistro de até 25 nacionalidades máis: Alemaña e Francia son os países de procedencia máis habituais -como tamén ocorre cos datos turísticos na cidade-, así coma doutros lugares do noso continente: Bélxica, Holanda, Croacia, Portugal, Suíza, Italia, Reino Unido, Dinamarca, Irlanda…

Porén, a sona do claustro gótico chegou a outros continentes: Desde América visítannos, sobre todo, arxentinos, uruguaios e venezolanos, pero tamén brasileiros, estadounidenses, mexicanos e canadenses, por esta orde. Tamén se rexistraron, nestes últimos tres meses, visitantes procedentes de Australia, China, Corea, Xapón e mesmo Tailandia (2).

A presenza do albergue de peregrinos da Xunta de Galicia no propio conxunto histórico e artístico de San Francisco fomenta as visitas internacionais, mais tamén hai que poñer en valor a realización de actividades e visitas guiadas ao conxunto: o Festival Internacional SóloDos en Danza e o Corpo(a)Terra, visitas guiadas de diferentes colexios da cidade, de residencias de maiores ou de eventos coma o Camiño Iniciático tamén sumaron visitantes ao claustro.

O claustro gótico estaba acaroado á parede norte da antiga igrexa, cuxo nártice ou entrada coincidía coa actual estrutura de acceso. Edificouse na primeira metade do s. XIV, entre os anos 1.325 e 1.350, nun estilo gótico de forte tradición románica. Foi declarado Monumento Nacional en 1926.

As arcadas que delimitan o xardín rectangular, case cadrado, teñen sesenta e tres arcos apuntados. Os capiteis son recoñecidos pola súa esmerada e delicada factura, e forman unha rica mostra de figuras vexetais (fitomorfas), animais (zoomorfas) reais e fantásticos e humanas (antropomorfas).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar