Ourense, presente na Asociación Europea de Cidades Termais Históricas celebrado en Wiesbaden

A deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino e o concelleiro de Turismo e Termalismo de Ourense, Jorge Pumar participaron no Comité Executivo da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA), celebrado en Wiesbaden, en Alemaña. Na reunión abordouse, entre outros temas, os avances nos últimos preparativos da vindeira Asemblea Xeral da asociación que terá lugar do 3 ao 5 de outubro en Ourense. O evento, no que se espera que participen ao redor de 40 delegados procedentes de toda Europa, está coorganizado pola Deputación de Ourense e o Concello de Ourense, e incluirá unha serie de visitas de estudo a diferentes enclaves termais da provincia e da cidade de Ourense.

O Comité Executivo, o terceiro que se celebra este ano, deu conta dos asuntos que se levarán a Asemblea de outubro: contas e orzamento, informe de actividades e iniciativas como a incorporación da Asociación ao programa de afiliados da Organización Mundial do Turismo (UNWTO).

Pola súa banda, a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense acudiron, como membros da asociación, para informar e pechar os últimos detalles sobre as actividades previstas para a Asemblea. O programa inclúe un seminario – o Café de Europa – que abordará o rol das vilas termais como axentes de sustentabilidade ambiental, poñendo o foco sobre os aproveitamentos enerxéticos vinculados aos recursos termais mineromedicinais. O seminario, aberto ao público, celebrarase o día 3 de outubro como actividade previa á Asemblea e abordará proxectos como o Geoatlantic, iniciativa comunitaria financiada con fondos FEDER na que Ourense actúa como socio líder.

Asociación de entidades locais

A EHTTA, entidade da que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, é vicepresidente, é unha asociación internacional sen ánimo de lucro dedicada á promoción e salvagarda da cultura termal europea e o seu patrimonio arquitectónico. Desde o ano 2010 está recoñecida polo Consello de Europa como Itinerario Cultural Europeo, e na actualidade integra a 40 membros de máis de 15 países. A cidade de Ourense, membro fundador, e a Deputación de Ourense, pertencen a esta organización que é a máis importante de Europa no ámbito do termalismo.

A Asociación Europea de Cidades Termais Históricas vén de revalidar a súa condición de Itinerario Cultural do Consello de Europa, logo de finalizar o proceso de avaliación e calidade que o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais realiza cada 3 anos ás diferentes rutas e redes con este distintivo.

Saúdos,

Comunicación

Deputación Provincial de Ourense

Tel: 988 317 609 – 988 317 500

● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ● ●

_ ADVERTENCIA LEGAL _ http://dpouv2.depourense.es/index.php/aviso-confidencialidad-correo

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar