O BNG denuncia a contaminación dos ríos á Comisión Europea

Tras diversos encontros con asociacións ecoloxistas,  a eurodeputada salientou que para o BNG, Ourense é unha das provincias galegas con maior riqueza ecolóxica e denunciou que “a mala xestión e a non aplicación das normativas europeas” están a provocar un grave deterioro pola existencia de verquiidos, excesos de nitratos, falta de depuración e saneamento.

Ana Miranda comprometeuse a trasladar ao Parlamento europeo a situación das tres áreas visitadas polo BNG para que a Comisión Europea analice o informe dos ríos de Ourense como xa fixo co das rías galegas, lembrou.

A voceira do BNG en Europa reiterou que Ourense precisa “ríos limpos” polo que, na súa opinión, o Estado e a Xunta teñen a responsabilidade de  iniciar unha auditoría e cumprir coas normativas europeas nesta materia.

A eurodeputada do BNG convidou  á Asociación “Ríos limpos” no mes de decembro para tratar directamente coa Comisión Europea a actual situación dos ríos de Ourense. En Bruxelas, dixo, “a asociación poderá expoñer todos os motivos da denuncia de delito medioambiental e esixir unha auditoría para que a normativa se cumpra”.

Pola súa parte, a deputada por Ourense denunciou a “neglixencia” da Xunta por non reclamar do Estado o cumprimento de responsabilidade en materia ambiental  e a arbitraxe de mecanismos propios de “vixilancia, rexeneración e fiscalización” ante a situación de degradación dos  ríos na provincia.

Ademais, Presas lamentou que o novo goberno do Estado non amose vontade por cambio de rumbo na xestión  das  confederacións alleas á xestión galega. Ana Miranda tamén se comprometeu a realizar unha nova visita a zona no mes de novembro co fin de recadar máis datos e constatar que foron tomadas as medidas que o BNG demanda contra a contaminación dos ríos en Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar